Unha colección de libros para o recordo con aqueles primeiros títulos que, sen perder a esencia, vos presentamos agora revisados e adaptados aos tempos. Feliz 20 aniversario!
Os Bolechas 2000 - 2020
Hai xa 20 anos que Os Bolechas se converteron en parte da gran familia de galegas e galegos, dos que viven en Galicia pero tamén dos que viven fóra e atopan nas historias dos Bolechas unha fiestra aberta á súa terra, un cordón umbilical que nos une á nosa esencia case desde que nacemos. Cando Pepe Carreiro escribiu a primeira historia desta querida familia no ano 2000 pouco podía imaxinar que acabaría converténdose en parte da súa vida e da de varias xeracións de galegas e galegos que, co seu apoio e agarimo, convertéronos na serie de maior éxito da historia editorial de Galicia.
Máis de 600 títulos publicados e 1.700.000 exemplares distribuídos, aos que se suman contacontos, rueiros, exposicións, concursos, material didáctico, espectáculos, discos, concertos e ata xoias co selo Galicia Calidade. Todo un universo Bolechas creado arredor da lingua e a cultura propias. Porque os Bolechas falan galego e, con eles fálano cada día milleiros de nenas e nenos que elixen as súas aventuras para divertirse e aprender.
Non podemos deixar de agradecervos ás familias, a educadores, monitores, mestres… que cada día elixides os Bolechas para iniciar a cativada na lectura, pero tamén para desenvolver multitude de iniciativas didácticas e mesmo para gozar do tempo libre. Grazas a iso chegamos até aquí!
E para celebralo, queremos recordar convosco aquelas primeiras historias que fixeron dos Bolechas o que son na actualidade. Catro contos de onte, hoxe e sempre que farán as delicias dos fans dos Bolechas e de quen se achegue a eles por primeira vez. E agora tamén en formato audiolibro!
2019. Todos os dereitos reservados