O entroido é unha das festas máis antigas que se celebra en toda Europa. A súa orixe está nas celebracións das tarefas agrarias e a chegada da primavera, pero ten elementos de orixe romana, cristiá e medieval.
En Galicia ten moita tradición e moitos nomes: Entroido, Antroido, Intruido, Entruido, Entrudo e Entroiro. Todos teñen a súa orixe no termo latino introitus, que significa entrada e que sinala a entrada nunha nova estación, a primavera. Tamén se chama carnaval. Para os cristiáns esta festa significa a despedida da carne antes de empezar a abstinencia da Coresma.
O Entroido é unha época de festa, subversión e moita diversión no que o máis importante é disfrazarse e pasalo ben.
Os entroidos máis coñecidos
Laza ( Ourense ) - Peliqueiros
Rumba de ser o entroido máis “enxebre” de Galicia. A festa comeza aquí moi pronto co chamado Venres de Folión. Os folións son comparsas que, para espantar os malos espíritos, percorren as rúas durante a noite tocando diversos obxectos. O Domingo de Entroido os folións ceden o protagonismo aos peliqueiros, os personaxes típicos do carnaval de Laza, que se reúnen nun acto chamado A estrea do peliqueiro e invitan a bica.
Os peliqueiros son personaxes “animalizados”: non
falan e levan chocas de ferro coma os animais. O traxe, similar ao dos
cigarróns, está composto por chaqueta con galóns, pantalón
curto con encaixe, camisa branca e gravata vermella. Nas
pernas levan medias cinguidas con rechamantes ligas e
os zapatos son negros. O disfrace compleméntase co
cinto, de onde colgan as chocas, e coa zamarra ou látego
que usan sobre os que ousan saír á rúa sen disfrace. A
máscara adoita ser de bidueiro, leva pintado un animal e
cosida por detrás unha pelica de animal, de aí o seu nome.
Xunto co Domingo, outro día grande en Laza é
o Luns de Entroido, en que celebran diversos ritos
como A Farrapada, unha batalla campal na que se usan
trapos untados en barro; A Xitanada, unha divertida
procesión en burro, ou A baixada da Morena, unha
especie de sátiro con cabeza de vaca que persegue as
mulleres mentres a súa comitiva lanza sobre a multitude
unha chuvia de fariña e formigas vivas. Un costume
ancestral no que participa todo o mundo. Tampouco
falta a boa comida, coa Festa Gastronómica da
cachucha, a bica branca, xastré e licor café.
Verín ( Ourense ) - Cigarróns
Nesta vila o protagonista é un personaxe enmascarado
que se remonta ao século XVI e viste un traxe con moitos
adornos que chega a pesar 25 quilos. A máscara faise
a partir da madeira do abedul e a parte superior remata
nunha folla de lata engalanada con motivos animais ou
vexetais. A vestimenta componse de camisa branca con
garabata, chaqueta con galóns e xarreteiras, calzón corto
e medias. Á cintura levan cinto con chocas por detrás e na
man unha “zamarra” coa que fustrigan a quen non manteña
a orde no entroido.
Os días máis sinalados son o Xoves de Compadres, no
que os homes toman as rúas; o Domingo Corredoiro, en
que aparecen os cigarróns á saída da misa; o Xoves de
Comadres, día das mulleres. Tamén son días grandes o
Venres de Compadreo, o Domingo de Entroido, o el Luns
Fareleiro e o Martes de Entroido, co gran desfile.
Xinzo de Limia ( Ourense ) - Pantallas
É a festa máis importante do ano e o carnaval máis longo de España –e probablemente do mundo–, xa que dura cinco fins de semana: empeza o Domingo Fareleiro e remata o Domingo de Piñata. O día grande é o Martes de Entroido, co desfile de carrozas máis concorrido de Galicia e unha gran festa na rúa onde ninguén pode ir sen disfrazar. Diso encárganse precisamente as Pantallas, que fan pagar unha ronda a quen atopen sen o seu disfrace. Pantalla é o nome da máscara e, por extensión, de todo o conxunto. A careta faise con cartón, papel de xornal, feltro, fariña, auga e pintura. Faise nunha soa peza encaixándose na cara e cabeza. Ten cara de diaño, con cornos e a parte de arriba está adornada con motivos astrais ou animais totémicos. Arredor leva uns flocos que fan de barba. O traxe componse de camisa e calzóns brancos, abrigo vermello ou negro, pano vermello e polainas e zapatos negros. Levan na cintura unha faixa vermella xunto coas campás e, por suposto, dúas vexigas de vaca secas e infladas nas mans que golpean entre si.
Zona do Ulla ( A Coruña e Pontevedra ) - Xenerais do Ulla
Nas bisbarras do río Ulla o entroido inspírase nas loitas que se vivirona principios do século XIX por mor da invasión napoleónica. En 1870 hai xa referencias escritas a esta celebración, de gran tradición en Santiago de Compostela, Teo, Touro, Padrón, Boqueixón, Vedra, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces.
Na actualidade estas vilas celebran o entroido con desfiles de carrozas, verbenas e bailes, aínda que os grandes protagonistas son os xenerais e os correos que, ataviados con vistosos uniformes, percorren as rúas a cabalo acompañados por comparsas e parrandas dando vivas aos veciños. Os actos centrais son os “atranques”, batallas dialécticas que manteñen os xenerais (os defensores contra os invasores) e nos que se fala de cuestións de actualidade en ton de burla. Cada lugar mantén a súa propia tradición, polo que en cada zona estes encontros convértense nunha celebración verdadeiramente única.
Viana do Bolo ( Ourense ) - Boteiros e folións
Posiblemente sexa o carnaval máis antigo de Galicia
e un dos máis auténticos, ademais de estar intimamente
vinculado á gastronomía, xa que a androlla –embutido
de porco típico desta zona– convértese en protagonista,
especialmente no xantar do Domingo de Entroido.
Pero tamén aquí contan cunhas máscaras típicas: os
boteiros e os folións. Os folións andan en grupos de 30 o
40 polas rúas con tambores e ferramentas agrícolas que
tocan para espantar os malos espíritos, e os boteiros tapan
a cara cunha careta rematada nun gran penacho e levan
un fermoso traxe multicolor de cintas de seda. Anuncian
e abren paso aos folións saltando sobre un pau co que
tamén manteñen a orde. Ademais, poñen son ao carnaval
movendo con moita arte os chocallos que levan no cinto.
Manzaneda ( Ourense ) - Folións e mázcaras
Outro dos entroidos máis
“auténticos”, xa que
soubo preservar a pureza
das súas tradicións. O
Folión Tradicional do
Entroido de Manzaneda
é unha celebración
de rituais ancestrais,
espectáculos de percusión,
banquetes populares e
teatro da rúa, todo nun
ambiente de diversión.
Os grandes protagonistas
deste carnaval son as mázcaras que, malia o nome,
adoitan levar o rostro descuberto aínda que cobren a
cabeza cun gran toucado; visten camisa e polainas brancas
con puntillas, mantilla floreada, botas altas, bastón e fitas
de cores que cada ano poñen e quitan unha a unha. Á
cintura, varios chocallos cos que marcan o ritmo. A mázcara
é un consumado bailarín, capaz de danzar sobre un
pequeno caixón xirando de puntillas e sen despegar os
pés do chan. E é o acompañante do folión, unha especie
de comparsa que se envían unhas aldeas a outras e que
tradicionalmente tocaban tambores e instrumentos de
labranza pero que agora fan auténticas foliadas con
percusión e gaitas nas que participa todo o mundo.
O día grande en Manzaneda é o Martes de Entroido
pero o programa de actividades é tan amplo que adoita
empezar en xaneiro e pode estenderse ata abril.
Chantada ( Lugo ) - Volantes
No Entroido Ribeirao os volantes, os mecos e os
maragatos ou peliqueiros bailan arredor do Santo
Entroido. Os volantes, ataviados cunha vistosa
indumentaria son os representantes dos vellos feudais;
os mecos escenifican os problemas da sociedade baixo
un tono burlesco, e os maragatos ou peliqueiros
usan roupa vella e peles de animais e representan
os gardiáns do señor na época medieval.
Vilaboa ( Pontevedra ) - Madamas e galáns
O Entroido de Cobres, do
que hai referencias escritas xa
no século XVIII, está considerado
un dos máis elegantes, tanto
polos traxes como pola música
e o baile, que remiten a un
mundo galante; de aí o nome
dos seus personaxes típicos: os
galáns e as madamas. Ambos
os dous satirizan a aristocracia
percorrendo as rúas acompañados dunha charanga e
vestindo fastosos traxes e mesmo xoias auténticas de
gran valor. Quizais por iso, para presumir ben, neste
carnaval non hai máscaras, vaise coa cara descuberta!. As madamas adoitan levar camisa e faldra brancas;
medias finas con zapatos negros e, sobre o peito, unha
especie de babeiro ao que se suxeitan os colares. Todo
adornado con fitas, plumas, pedraría e pasamanería. Pero
o máis rechamante son os espectaculares sombreiros que
locen, auténticas obras de arte que fan durante semanas e
que chegan a pesar varios quilos. Os galáns compiten en
elegancia coas mulleres malia que os seus sombreiros son
máis discretos. Outros personaxes típicos da zona
son os de branco, as aldeás, os coidadores do galo, as
choronas ou o predicador, personaxe enigmático que no seu
esperado e divertido sermón métese con todo e con todos.
O día grande en Cobres é o Martes de Entroido, cando
se organizan divertidos xogos como A Corrida do Galo, Galo
no río e Galo na vara con premios en metálico e… un galo!
A tradición do entroido está tan estendida en
Galicia que poderiamos atopar ritos e costumes
propios en cada vila e case en cada parroquia.
Destacamos algúns dos máis sonados:
- En Maceda (Ourense) os felos –que só poden ser homes
solteiros– son espíritos anárquicos que invaden o pobo
co son das chocas e perseguen aos que se meten con
eles. As máscaras desta vila son pouco coñecidas fóra
da zona, pero tan antigas coma as súas irmás de Laza e
Verín. De feito visten parecido aos cigarróns e peliqueiros
pero levan medias negras en vez de brancas e o seu
atavío é algo máis rústico, máis próximo ás orixes.
- En Lourenzá (Lugo) destaca a celebración do Domingo de
Piñata o primeiro domingo tras o Martes de Carnaval. A festa,
recuperada na década dos 90, vén de principios do século
XX cando os bailes de entroido de Lourenzá eran famosos
en toda A Mariña. Actualmente celébrase un gran desfile
de carrozas que reparte grandes premios entre os mellores
disfraces, algo difícil de decidir porque a xente toma moi en
serio a celebración e o nivel é cada ano máis impresionante.
- A cidade de Pontevedra
tamén celebra o entroido por
todo o alto. Un dos actos máis
multitudinarios é o Enterro de
Ravachol, ao que acode todo o
mundo vestido de rigoroso loito.
Ravachol foi un personaxe real,
moi coñecido na cidade por malfalado e groseiro. Era o loro dun
coñecido farmacéutico e morreu durante os carnavais de 1913;
foi enterrado con grandes honras no medio dun multitudinario
duelo que agora se recorda cada ano por estas datas.
- En Cudeiro (Ourense) tamén recrean un feito real na
Voda da Pita. A Pita era o alcume dunha viúva do barrio
de Eiroás que o pasado século, desafiando as convencións,
casou con outro viúvo, tamén veciño. Todo ía ben ata que a
xente do barrio descubriu que non estaba invitada á festa.
- En Castro Caldelas (Ourense) os personaxes
característicos son os irrios, ataviados con máscaras
de madeira e frac con grandes botóns e unha
pelica, coa que perseguen e golpean a xente.
- Na Pobra do Brollón, o entroido celébrase con desfiles
de disfraces, descenso de carrilanas e outras actividades
lúdicas entre as que destaca a máscara característica da
parroquia de Salcedo: o Oso de Salcedo. Trátase dun veciño
disfrazado con peles de animal simulando un oso que percorre
as rúas e corredoiras na compaña de “criados”, asustando
a xente e manchándoa coas farpas cheas de feluxe.
- Allariz, Sarreaus, Bande, Riós… tamén celebran
o entroido por todo o alto aínda que, como diciamos,
case poderiamos describir un por cada parroquia, xa que
é unha das festas máis tradicionais do calendario.
- O meco, momo,
lardeiro, compadre,
entrudio… é o nome que
se lle dá á personificación
do entroido. A orixe
deste boneco está
nun crego mullereiro
da vila pontevedresa do
Grove que foi asasinado.
No xuízo, ante a pregunta
de quen aforcara o Meco, os
grovenses responderon: –Matámolo todos!
Este boneco, normalmente feito de palla e paus, ponse
nun lugar visible do pobo para anunciar a chegada
do entroido e quéimase cando remata a festa.
- Os animais teñen un papel protagonista en
moitas vilas, onde son símbolo do entroido e
interveñen na festa, ben para seren burlados ben
para actuar activamente facendo falcatruadas.
- As comparsas están presentes en practicamente
toda a xeografía galega, xa sexan elaboradas
ou improvisadas ao xeito tradicional.
- Os choqueiros tamén están presentes en toda Galicia,
especialmente no entroido máis rural, no que a xente
se disfrazaba ca roupa vella que había na casa.
- Crítica e diversión: malia as diferencias, o sentido
profundo do entroido é o mesmo en todas partes: a
sátira e a crítica, a permisividade e a transgresión.
Adoita celebrarse ao longo
do mes de febreiro, pero
en cada vila e cada ano
varían as datas. Os días
máis destacados son:
- Domingo Fareleiro
ou Borrallento:
día no que os veciños se manchan uns a outros con
borralla ou farelo, a fariña de peor calidade.
- Domingo Oleiro ou Corredoiro: día no que
se facía a corrida do galo; en Laza a xente lánzanse
formigas, en Xinzo celébrase o xogo das olas etc.
- Xoves de Compadres: día da tradicional pelexa entre
sexos. As mozas fan un boneco que representa os homes e
tentan queimalo, mentres os mozos loitan por llo roubar.
- Xoves de Comadres: nesta data son os homes os que
fan bonecos con feitura de muller e elas tentan quitarllos.
- Domingo de Entroido: día en que comeza a festa maior.
- Martes de Entroido: día grande en
moitas vilas. Celébranse os “testamentos” e
entérrase a representación da festa.
- Mércores de Cinza: remata a festa co enterro da sardiña.
- Domingo de Piñata: domingo posterior ao Martes
de Entroido de gran tradición en moitas vilas.
Gastronomía, Cantigas, Refráns e Adiviñas
- Gastronomía: Coma en moitas
festas, especialmente
na nosa comunidade, a
comida e a bebida están
intimamente ligadas a esta
celebración. O entroido é un momento de abundancia
e fartura na mesa; celébranse comidas familiares, veciñais,
festas gastronómicas, peticións de alimentos polas casas…
despois virá a Coresma, tempo de prohibicións e xaxún.
A gran comida ten lugar Martes de Entroido ou
Lardeiro (de lardo: graxa do porco); nalgunhas zonas
trasládase ao Domingo Lardeiro ou ao xoves anterior.
O porco é o rei da festa, especialmente a cabeza –
cachucha, cachola, cacheira, cachela ou cachaza–; o
lacón, o rabo e as orellas, que se acompañan con grelos,
patacas e chourizos. Nalgunhas zonas preparan o botelo
ou a androlla, embutidos feitos co intestino groso do porco.
Os doces máis característicos e estendidos son as
filloas e as orellas. Tamén son deste tempo a
bica, as follas de limón e as flores de carnaval.
- Cantigas e refráns: Como toda festa tradicional mantén unha cultura oral
rica e moi diversa, tanto en cantigas e refráns, coma en
adiviñas ou regueifas, cancións interpretadas a xeito
de rap con propósito de denuncia social nas que se
usa humor e a ironía para comentar a actualidade.
Destacamos algunhas mostras desta cultura
popular, pero seguro que podedes completar isto
con composicións propias da vosa zona.
- Cantigas:
- Refráns: O Entroido ao tizón, a Pascua ao sol.
Pascuas con quen quixeres, entroidos coas túas mulleres.
Non todos os martes son días de Entroido.
Entroido larafuzán, comíchesme a carne e deixáchesme o pan.
Día de Antroido e día de Pascua, cada larpeiro na súa casa.
Antroido á raxeira, Pascua na lareira.
En Antroido, disfraz de coiro.
En tempos de carnaval, ningunha cousa está mal.
No Carnaval, nada senta mal.
O Antroido alárgalle o coiro.
San Matías coas súas artes fai caer o Antroido en martes.
Se podas no martes de Carnaval,
desátase a viña e uvas non dá.
Venres de Comadres, sábado fillogueiro, domingo
lardeiro, luns gordo e martes de Antroido.
- Adiviñas: