Os Bolechas están a pasar o verán na casa dos curmáns da aldea. Antes de durmiren, Sarela cóntalles unha historia dunha moura, unha moza encantada e guapísima que aparece nas fontes pola madrugada. Coa leria todos adormecen, menos Braulio que ficou marabillado coa historia e que será testemuña dunha espectacular aparición…
Os Bolechas van de paseo. Tatá vai en carriño porque aínda non sabe andar. Mais os irmáns vanse cansando a medida que andan e soben ao carriño de Tatá. Ata Chispa quere ir no carriño! Ao final mamá Bolechas non pode empurrar, do que pesa o carro e terán que buscar unha solución.
Sonia quere casar cun príncipe e prepara unha gran voda á que están convidados todos os irmáns. Ata Chispa se prepara para a cerimonia e o gran banquete. Están elegantísimos! Mais cando chegan os noivos… todos notan algo raro.
Os Bolechas van á aldea dos seus curmáns Sarela, Ying e Kofi, que teñen un burro chamado Fungón. Sarela convídaos a pasear nel, mais Fungón non ten ganas de pasear nenos; el prefire comer, así que terán que sacar todo o seu enxeño para convertérense en auténticos cabaleiros.
Braulio constrúe unha nave espacial coa que os irmáns van descubrir extraterrestres polo espazo intergaláctico. Carlos é o condutor, Pili a exploradora, Loli e Sonia as auxiliares e Braulio o comandante. Os astronautas chegan a un planeta descoñecido e… atopan dous extraterrestres!
A familia Bolechas van pasar o día á praia. Loli métese na auga e descobre unha illa á que lle pon o seu nome: Lolilandia. A xemelga dedícase a explorar os seus novos dominios e non deixa entrar aos irmáns, pero cando se dá de conta a illa comeza a desaparecer…