Braulio conta a viaxe que fixeron os personaxes do libro Galicia de Fernández del Riego, o creador do Día das Letras Galegas. No seu percorrido por toda a xeografía subiron montañas e percorreron vales e vilas coñecendo a riqueza da nosa terra.
Braulio disfrázase de Bouza-Brey para contar unha historia de pantasmas que o autor relata nun dos seus poemas, A barca da Saudade, un barco que navega sen tripulación nin pasaxeiros, porque leva os espíritos dos mortos que regresan á súa terra. Volven de mortos porque non puideron facelo de vivos.
Aínda que naceu en Vilafranca do Bierzo e viviu pouco en Galicia, este frade beneditino estudou o idioma galego, defendeu que as nenas e nenos galegos estudasen na súa lingua e publicou moitos libros sobre a nosa terra, como Coloquio en coplas galegas.
Braulio disfrázase do poeta Xosé María Díaz e recita un poema do libro Nimbos, que publicou a editorial Galaxia. Chámase Esmeralda e fala dunha herba pequerrecha e algo tímida. Un exemplo da fermosura que un poeta atopa nas cousas máis cotiás da vida.
Escritor, académico e fundador da editorial Galaxia e da revista Grial, Ramón Piñeiro estivo preso por ser galeguista mais nunca deixou de reivindicar a lingua que se falaba nas aldeas e que usaban os poetas. El mesmo usouna en obras como Galicia.
Ferro Couselo participou na fundación de varios museos, da editorial Galaxia e mesmo do Día das Letras Galegas. Foi arquiveiro, bibliotecario, profesor e escritor e entre a súa obra hai un texto que conta como era a vida dos freires e freiras da Ribeira Sacra hai moitos séculos.
Manuel Lorenzo escribiu un poema á heroína María Pita, que fixo recuar os ingleses. Forma parte do seu libro Catro poemas pra catro grabados, que fixo para os gravados do pintor e escultor Luís Seoane e que Edicións Xerais publicou no libro Poesía galega.
Antón Villar Ponte foi un xornalista importante, en Cuba e en Galicia. pero tamén foi político e escritor. É autor de varias obras de teatro como Nouturno de medo onde conta a historia dun home que foi asaltado por uns ladróns.
Xosé María Álvarez Blázquez fixo moitas cousas ao longo da súa vida. Foi arqueólogo, xornalista, editor, poeta... Para coñecelo mellor, Braulio elixiu o seu poema Elexía a unha muller de campo, que fala sobre unha labrega.
Xoán Manuel Pintos foi avogado, xuíz e rexistrador pero tamén colaborou con varios xornais, fixo un dicionario galego e escribiu poesía, como o libro A gaita gallega. Nesa obra hai un poema dun neno que quere ser tamborileiro.
No seu conto A honradés, Lugrís Freire narra a historia dun home que ten que roubar para que a súa familia non viva na miseria. O autor emigrou a Cuba e alí traballou de xornalista e publicou o seu primeiro poema. Despois volveu e seguiu escribindo pero tamén formou parte do Partido Galeguista.
Chamábase Xosé Antón Avilés pero cando se fixo escritor puxo como nome artístico o da súa aldea, Taramancos, en Noia. E entre a súa obra hai un libro onde conta a historia dun frade que vai ao lombo dun indio. Chámase Servos de Deus e amos de indios.
Marcial Valladares recolleu moitas cantigas tradicionais no seu libro Cantigueiro popular. A Carlos Bolechas gústalle Unha vella que fala dunha señora moi simpática e tamén un pouco fachendosa.
Afonso X o Sabio foi rei de Castela e Leónpero de neno viviu en Galicia, na fortaleza de Maceda. E de maior escribiu moitas cantigas en galego, como as dedicadas a Santa María que Loli vai recitar neste libro disfrazada con coroa e capa, coma se fose o mesmísimo rei.
Este poeta nado na comarca de Valdeorras e exiliado a México tras a guerra de 1936, publicou moitas poesías en varios libros. Un deles, titulado Galicia infinda, foi editado por Galaxia. Nel don Florencio fala das galegas e galegos emigrantes que andan por todas as partes do mundo.
Xaquín Lorenzo, máis coñecido como Xocas, escribiu moitos artigos e libros, como Enredos, no que fala de como eran os xoguetes cos que enredaban as avoas e avós cando eran nenos.
Xela Arias escribiu Darío a diario, un libro fermosísimo no que esta poeta, que tamén foi tradutora e recibiu moitos premios polo seu traballo, fala dunha mamá e o seu bebé, de como se van facendo maiores xuntos.
María Mariño empezou a escribir xa de maior, tras coñecer ao poeta Uxío Novoneyra. Publicou dous libros de poesía, un deles é Verba que comenza onde hai un poema adicado á viaxe que fai unha pinga de auga.
Cotarelo Valledor foi profesor da Universidade de Santigo onde tamén facía teatro. Presidiu o Seminario de Estudos Galegos e colaboraou coa revista Nós, ademais de escribir varias obras de teatro e libros, como Cancioneiro da Agulla.
Luís Pimentel era médico, mais tamén escribía. Un dos seus libros máis coñecidos é Sombra do aire na herba, no que hai unha poesía dedicada a un meniño que se chama Canción das tres cucharas.
O escritor, xornalista e profesor Aquilino Iglesia Alvariño escribiu un poema sobre unha lúa moi brincadora e namoradeira: A noiva braca da lúa. E os Bolechas botan man desta fermosa historia para dar a coñecer o autor de Abadín.