Carlos disfrázase de Roberto Vidal Bolaño para ser o narrador da súa obra de teatro Touporroutou da lúa e do sol. Pili e Loli serán as actrices: farán de Sol e de Lúa e contarán por que un día se enfadaron e se separaron para sempre. Vidal Bolaño, ademais de escritor, foi director, actor e mesmo iluminador e axudou a crear o Centro Dramático Galego
Braulio ponse ben elegante para contarnos unha historia escrita por Álvaro Cunqueiro, un dos autores máis destacados da nosa literatura.
Pili disfrázase de Antón Fraguas para contar uns contos de cobras que o autor oíu de pequeno e transcribiu no libro O que eu sabía das serpes. Hai historias de cobras que rodan coma unha roda, de cobras que hipnotizan e mesmo matan coa mirada.
Carlos disfrázase de Ánxel Fole. Está acompañado de Chispa porque vai contar unha historia do autor que fala de lobos, e Chispa parece un deles. É un conto que aparece no libro de relatos do escritor lucense Á lus do candil, no que o protagonista é un capador moi fantoche que vai descubrir que non é tan afouto coma pensaba.
Braulio disfrázase de Curros Enríquez para narrar unha das súas historias: O divino sainete. É un conto en verso no que o autor viaxa a Roma para ver o papa León XIII. E vai acompañado dun amigo zombi, que é capitán da Santa Compaña. Que medo! Pero este zombi é moi listo e xunto con Curros, lograrán que o papa renegue das riquezas e das louvanzas...
Pili disfrázase de Manuel María para contar unha historia de marionetas que escribiu el. Titúlase Barriga Verde, que era o nome dun teatriño de monicreques que percorría as feiras galegas na época do autor.
No primeiro volume, Eduardo Pondal narra a descuberta de América a través dos versos d’Os Eoas. Algúns dos termos máis complexos da obra son explicados ao final a xeito de sinxelo dicionario para permitir unha maior comprensión. A forma máis divertida de coñecer os nosos autores!