Iniciativa didáctica
Como é habitual en todas as propostas dos Bolechas –e especialmente nestas actividades interactivas– hai un importante compoñente pedagóxico que se une á parte máis lúdica da iniciativa. Neste caso para traballar un tema transversal en todas as propostas dos Bolechas como é o fomento de hábitos saudables –e do deporte en particular–, pero tamén para afondar no tema específico dos xogos olímpicos, coincidindo coa súa celebración este verán en Río de Xaneiro.
Deste xeito, tanto a través de probas físicas como de xogos de preguntas e respostas, as nenas e nenos que participen nesta actividade aprenderán algunhas nocións básicas sobre as Olimpíadas e o que representan, especialmente no relativo a unión dos pobos e das culturas a través do deporte.
E, como non podía ser doutro xeito, no noso idioma, de forma que tamén interioricen conceptos relativos ao ámbito deportivo na lingua propia, a que usan sempre os Bolechas, e que permitirá ás cativas e cativos galegos gozar dun momento inesquecible cos seus personaxes favoritos.