A nova colección dos Bolechas pretende dar a coñecer á cativada os persoeiros homenaxeados co Día das Letras Galegas: quen son, que fixeron e por que son moi relevantes para as nosas letras.
Como é habitual, Pepe Carreiro bota man da popular familia Bolechas para chegar á infancia dun xeito divertido á vez que didáctico. Para iso converte unha das obras de cada autor nun entretido conto no que o lector vai descubrindo quen é o personaxe ao tempo que goza dunha aventura típica dos Bolechas.
Abriu a colección o título adicado a Eduardo Pondal, ao que lle seguiron os de Curros Enríquez e Carlos Casares. Son os primeiros dos moitos autores aos que se lles ten dedicado o Día das Letras Galegas e que irán completando esta colección que lles permitirá aos máis novos gozar dunha aventura dos Bolechas ao tempo que aprenden quen son e que fixeron os grandes nomes das nosas letras.