Abaixo
O espectáculo
Os Bolechas propoñen unha nova actividade que mestura teatro e concurso. O espectáculo comeza co descubrimento dun estraño aparello que resulta ser… unha máquina do tempo! Alguén terá que estreala pero todos teñen medo así que rífano e tócalle a Carlos e a Pili probar a estrambótica máquina. Os dous métense nela e os outros irmáns comezan a premer botóns para mandalos ao futuro: van saír feitos uns mozos! E así é. A máquina do tempo funciona!
Mais Carlos e Pili non queren ser maiores; teñen as pernas e os brazos moi longos e a cabeza moi grande… e a Carlos mesmo lle saíu barba. Agggg! Queren usar a máquina de novo para volver a ser nenos. Pero entón aparece o dono do aparato, o doutor Apolodoro, un científico tiruleco ao que non lle gustan nada os cativos e non quere que Pili e Carlos volvan a ser nenos… Os Bolechas van a precisar de todo o público para regresar ao presente.
Iniciativa didáctica
Asemade do compoñente lúdico que prima nesta proposta, Os Bolechas na máquina do tempo permitirá achegar unhas primeiras nocións de Historia ás nenas e nenos galegos e farao, como é habitual, na lingua propia. Trátase, por tanto, de encher o tempo de lecer da infancia e da mocidade galegas con iniciativas didácticas no noso idioma que estimulen a participación e o interese dos cativos.
Para iso bótase man dun formato, o concurso, que permite a competición por equipos fomentando a colaboración e a comunicación ao tempo que se demostran os coñecementos do público –e dos propios Bolechas– sobre cuestións da Historia. Cada proba superada permitiralles aos irmáns obter unha prezada batería que lles permitirá volver ao presente tras unha longa e emocionante viaxe polo tempo.