Os Bolechas son un auténtico fenómeno en Galicia. Naceron no ano 2000 da man do debuxante e guionista Pepe Carreiro e moi pronto convertéronse en protagonistas da máis importante e famosa serie da literatura infantil galega, con máis de 500 títulos publicados e un millón e medio de exemplares distribuídos.
Os Bolechas son unha familia composta por seis irmáns: Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e o pequeno Tatá, a quen se une en todas as súas aventuras a súa mascota, Chispa. Eles son os protagonistas de todas as historias, nas que tamén aparecen outros personaxes, como os pais, avós, tíos, curmáns, veciños, amigos etc.
Aínda que o fin último dos Bolechas é entreter, en todas as súas propostas hai un importante compoñente didáctico que permite que os pequenos interioricen conceptos e valores universais, hábitos saudables, coñecementos da vida diaria…
Tanto as historias como os espazos nos que se desenvolven as historias son facilmente recoñecibles polas nenas e nenos, posto que son lugares cotiáns: a escola, a casa, o parque, a praia etc. Esta proximidade e a súa sinxela linguaxe fai que os pequenos se sintan cómplices e co-protagonistas das súas aventuras, e son a clave do seu éxito.
Tras 12 anos de andanza editorial, no ano 2012 a familia deu o salto á televisión cunha serie familiar de muppets que se emite diariamente na Televisión de Galicia. O éxito foi tal, que en 2014 comezou a súa expansión estatal e a final dese ano a serie emitíase xa en oito comunidades autónomas. Tamén a produción editorial, até entón centrada en Galicia –salvo algún título editado en Portugal– comezaba a súa expansión por todo o país á que se uniría unha distribución estable en Portugal, onde a serie se emite diariamente desde xaneiro de 2015 na televisión pública estatal para todo o país e a través de RTP-África para os países lusófonos deste continente.
Ademais do éxito televisivo e do seu amplo desenvolvemento editorial, Os Bolechas contribúen á divulgación e á formación, mediante o lecer e o divertimento dos escolares de educación infantil e primaria, con propostas especialmente deseñadas para eles, como son os espectáculos de gran formato ou as iniciativas musicais, como o libro-disco Os Bolechas fan unha banda, con 10 temas inéditos dos grupos e intérpretes galegos máis destacados do momento.
Outras iniciativas destacadas son os concursos, como “Debuxa o teu cole”, destinado a escolares de educación infantil e primaria de Galicia e dotado con 3.000 euros para o colexio gañador e máis de 120 premios individuais.
Tampouco podemos esquecer a colección de xoias dos Bolechas, creada pola firma Fink Orfebres en prata de primeira lei e esmaltada a man, que foi recoñecida co selo de garantía de Galicia Calidade.
O alto poder prescritor dos Bolechas foi reclamado por multitude de organizacións, empresas e marcas para diversas campañas comerciais e institucionais. Entre outras destacan as de educación viaria da DXT, hábitos de vida saudables, promoción do Camiño de Santiago, fomento da lectura e a creatividade plástica, respecto animal etc.
Moitas destas campañas foron levadas a cabo con apoio da Caravana Bolechas, composta por un divertido R4 e un espectacular autobús de dous pisos onde está presente todo o Universo Bolechas.