Co novo ano chega a nova tempada dos Bolechas na TVG
Estreamos novo ano e, con el, estreamos nova tempada dos Bolechas e tamén... nova presentadora. A actriz Lucía Sánchez acompañará os irmáns Bolechas nesta terceira etapa na Televisión de Galicia.
Co novo ano chegará á TVG a terceira tempada dos Bolechas. A serie, que se inauguraba o 24 de setembro de 2012, converteuse en todo un fenómeno e consolidouse na programación infantil da canle pública autonómica ata chegar a esta terceira tempada que terá como principal novidade a presenza dunha nova presentadora: Lucía Sánchez.
A actriz acompañará os irmáns Bolechas e o seu can, Chispa, nas múltiples aventuras desta nova tempada, guionizada de novo por Pepe Carreiro e chea de humor e diversión para os máis pequenos da casa.
O salto do papel ao audiovisual supuxo toda unha revolución nesta popular familia seguida xa por milleiros de familias galegas e convertida nun referente de ocio para os máis cativos. Esta aposta televisiva permite tamén afondar na socialización en galego das nenas e nenos que xa tiñan Os Bolechas como un referente galegofalante a través dos libros e que, deste xeito, poden continuar o seu seguemento en múltiples soportes.