Os Bolechas colaboran na campaña contra o abandono de animais
O Centro Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra acolleu esta mañá a presentación da nova campaña contra o abandono de animais e a favor da tenencia responsable posta en marcha pola Administración provincial, a través do CAAN.
Case dous centenares de nenas e nenos, xunto con educadores e persoal da Deputación acudiron á presentación, á que non faltaron todos Os Bolechas co seu espectacular autobús, nin tampouco varios “residentes” do Centro de Acollida e Protección de Animais Abandoados.
Tal como explicou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, o CAAN, aberto o pasado ano no concello de Meis, acolle animais abandoados e fomenta a súa adopción por persoas e familias responsables, capaces de ofrecerlles a estes animais todo o amor e os coidados que precisan para convertérense nun membro máis da familia.
Os Bolechas, que saben moi ben como coidar os animais, porque o fan todos os días con Chispa, queren colaborar coa Deputación e co CAAN e por iso elaboraron un conto no que explican como funciona e para que serve o Centro e tamén poñen en marcha unha nova sección na súa web adicada ao coidado e a protección dos animais.
Web con actividades e descargas
Na dirección osbolechas.gal/caan pódese atopar información sobre os coidados necesarios para manter san e feliz a nosa mascota. A través de xogos e actividades, pequenos e maiores poden divertirse e obter consellos sobre como debemos coidar do noso animal de compañía para que nos faga tan felices como fai Chispa aos Bolechas.
Entre as actividades da web está a posibilidade de facer un diploma personalizado, colorear, quebracabezas, o xogo das razas ou o sabichón. Pero tamén se pode descargar material como pósters, unhas miniguías con información práctica sobre o coidado dos nosos animais ou o propio conto Os Bolechas van ao Caan.