Os cativos galegos aprenderán inglés cos Bolechas na Televisión de Galicia
Este martes, 10 de xuño, presentouse en Santiago, ante máis dun centenar de escolares dos Tilos, Os Bolechas One 2 Three, a nova serie que comezará a emitir a TVG a finais de mes.
Na presentación d´Os Bolechas One 2 Three participaron, ademais dos propios Bolechas e o profesor que os acompañará nesta nova andaina, Pepe Carreiro e Rosa Vilas, directora xerente da Televisión de Galicia, canle na que se emitirá a nova serie.
Tampouco faltou o R4 e o autobús dos Bolechas, onde os cativos poideron ver en exclusiva o primeiro capítulo desta nova proposta audiovisual que transcorrerá “na clase de inglés dos irmáns creados por Pepe Carreiro hai xa 14 anos”, indicaron desde a editora. Os irmáns lánzanse a aprender inglés e, grazas á TVG, os seus milleiros de fans “poderán seguir as súas clases paso a paso e achegarse con eles á nova lingua dun xeito tan divertido como pedagóxico”.
Cada un dos capítulos céntrase nunha temática: The family, The animals, Transport, Clothes etc., e desenvólvese como unha lección, de xeito que os pequenos “poidan adquirir os seus primeiros coñecementos na nova lingua ao mesmo tempo que os seus personaxes preferidos”, explicou Rosa Vilas, directora xerente da TVG, quen aproveitou para anunciar que a nova serie estrearase na primeira canle da televisión pública autonómica nos próximos días.
Traballo complexo co aval da USC
Os responsables do proxecto resaltaron a complexidade do proxecto, especialmente porque o curso “vai directamente do idioma de Rosalía ao de Shakespeare”, cando a maioría dos materiais de inglés en galego “son traducións do castelán”. Isto, unido ás dificultades de levar o curso ao formato Bolechas, implicou un “intenso traballo durante meses, tanto de gravación e posprodución coma de elaboración de contidos”, ámbito no que participou un amplo equipo formado por pedagogos, filólogos, lingüistas expertos en galego e en inglés, etc.
Un traballo minucioso que ficou na serie que agora se presenta e que conta co aval da Universidade de Santiago de Compostela, o que constata o valor pedagóxico e a relevancia da mesma.
Os capítulos desenvólvense sempre co mesmo esquema. Comezan cos irmáns e o seu inseparable can, Chispa, acudindo á escola no coche familiar. Tras a cabeceira comeza a clase, na que Os Bolechas, e por tanto o seu público, aprenden coñecementos básicos sobre o tema do capítulo. Despois hai unha sección musical, Sing whith me, tamén relacionada coa temática e subtitulada en inglés a xeito de karaoke para que todos poidan cantar xunto cos Bolechas. E remata cada episodio cun repaso a modo de concurso, ABC, no que os Bolechas –e con eles toda a audiencia– demostran o aprendido.
Miguel Guido, o novo profesor dos Bolechas
Esta nova serie é un paso máis na súa aposta “por ofrecer novos contidos dirixidos ao público infantil nun formato que reúne diversión e aprendizaxe a partes iguais”. Para iso contan nesta nova andaina cun novo personaxe que será “unha gran revelación”: un profesor de inglés cheo de recursos que fará de cada clase unha experiencia inesquecible, chea de diversión e bo humor.
Para iso Os Bolechas incorporan a Miguel Guido, inglés nativo asentado en Galicia, licenciado en Filoloxía, profesor e actor cunha longa traxectoria en teatro e televisión que, ademais de darlle clase os seis irmáns, interpretará en todos os capítulos unha canción, facendo de cada episodio unha auténtica festa.
Trátase, en definitiva, de lograr “unha aprendizaxe natural do idioma, similar á que se fai coa lingua materna da man duns personaxes, Os Bolechas, que xa xogaron un papel determinante na aprendizaxe do galego como primeira lingua”, sinalou a directora-xerente da TVG, Rosa Vilas, na presentación.
Manuais e páxina web
Esta nova serie da TVG terá continuidade cun completo curso de inglés que se poderá adquirir en librarías e quioscos e que, ademais dos capítulos de televisión, incluirá un manual didáctico para achegarse ao inglés por vez primeira e uns cadernos de exercicios e de actividades cos que os cativos poderán gozar dos seus personaxes favoritos ao tempo que asimilan a nova lingua.
E todo iso irá acompañado dunha nova páxina web titorial que permitirá afondar e completar estes coñecementos on line así como seguir as cancións ou facer os desafíos da parte final dos capítulos para valorar os coñecementos de cada un.
Os Bolechas One 2 Three comezará a emitirse nos próximos días tanto na primeira canle da TVG como na segunda, a G2, onde desde hai dous anos se emiten diariamente Os Bolechas.