Malia que son familia numerosa, Os Bolechas terán que acomodarse nun mítico 4 latas que “tunearon” para adaptalo ao seu particular mundo. O resultado poderá verse nos próximos meses polas vilas de toda Galicia.
Os Bolechas veñen de motorizarse coa incorporación dun Renault 4 tl que pintaron e amañaron para adaptalo ao seu particular mundo de cor e bo humor. Así, o automóbil destaca polo seu colorido, no que predominan o azul e o vermello, e tamén pola presenza nos seus laterais dos populares personaxes galegos.
Non faltan Carlos, Loli, Pili, Braulio e Sonia, todos eles dando os últimos retoques á pintura, ao igual que Chispa, que fai o que pode na parte de atrás, en cuxa xanela se pode ver a Tatá acompañado do seu curmán Kofi, ambos os dous máis relaxados gozando dunha taciña de leite.
O coche leva tamén pintados os logos dos Bolechas e da editorial, Bolanda Ediciones y Marketing, e incorpora un sistema de megafonía que permitirá anunciar eventos ou escoitar a banda sonora dos populares personaxes da literatura infantil galega.
O coche está xa percorrendo as rúas e vilas de Galicia para levar a maxia dos Bolechas ata todos os recunchos do país e que todos os nenos e nenas poidan gozar dos seus personaxes favoritos.