Os Bolechas presentaron esta mañá na Coruña o seu novo proxecto: o libro-disco Os Bolechas fan unha banda. No acto Álex Casanova e Pandeiromus, dous dos artistas que participan no disco, interpretaron os seus temas para máis dun cento de escolares.
Na presentación da Coruña estivo a responsable de Comunicación da Fundación Novacaixagalicia, Verónica Rego, que destacou o alcance deste proxecto cultural e educativo e recordou que o compromiso da Fundación cos Bolechas vén de lonxe xa que colaboraron nos BrincaBolechas de Nadal. Pola súa banda, o director de Comunicación da TVG, Fernando Ojea, animou aos pequenos a escoitaren música en galego igual que ven todos os días Os Bolechas na TVG.
O creador dos populares personaxes, Pepe Carreiro, mostrouse convencido do éxito deste proxecto que supón “un novo paso na longa traxectoria dos Bolechas, que supera xa os 13 anos de existencia” e obsequiou ao máis dun centenar de nenos e nenas alí presentes cun debuxo personalizado.
Concerto de Casanova e Pandeiromus
Tras o acto máis institucional tivo lugar un miniconcerto coas actuacións de Pandeiromus e de Álex Casanova, que tivo que facer un bis ante o éxito do seu tema Como mola!. Carlos Pereiro, líder de Novedades Carminha e produtor do disco, explicou que moitos dos grupos que participan neste álbum tiveron o seu primeiro contacto coa música a través do Xabarín, e agarda que “este disco dos Bolechas sirva para facer o mesmo entre unha nova xeración de nenas e nenos de Galicia”. O obxectivo principal é “divertir aos nenos e nenas galegos ao tempo que se familiarizan coa música feita no país”, e para iso fixo unha escolla “entre os estilos e ritmos máis diversos”.
A música tradicional vén da man de Pandeiromus, mentres que O Sonoro Maxín aposta pola cumbia. Novedades Carminha mantén o seu estilo garaxe-punk, o rock chega da man de Ataque Escampe ou a propia Sés, Transilvanians pon o reggae e The Homens o power pop. O rap chega da man de AID mentres que Eladio y los Seres Queridos aposta polo pop pausado e Álex Casanova polo electrónico.