Os Bolechas retoman a súa xira dentro do FalaRedes 2015

Os Bolechas poñen de novo en marcha A máquina do tempo esta primeira fin de semana de setembro con actuacións o sábado en Soutomaior e o domingo en Carnota e Muros. En total a nova xira dos Bolechas para o FalaRedes levaraos a 40 concellos galegos.


04 de setembro de 2015



A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, retoma esta fin de semana a actividade Os Bolechas na máquina do tempo, que se desenvolve desde marzo no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2015.

En total 40 municipios da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia gozarán desta actividade destinada a promover o uso do galego e a súa valoración positiva na infancia e no tempo de lecer. A proposta conta coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.

Os Bolechas na máquina do tempo é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista no que se simula unha aventura a través do tempo. Dous irmáns Bolechas son enviados por erro á prehistoria e para volver ao presente deberán conseguir baterías para a máquina do tempo do malvado doutor Apolodoro. Para iso necesitarán a axuda do público. 

Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia e Tatá –co seu inseparable Chispa– estarán este sábado 5 de setembro en Soutomaior (ás 20:00 horas, no Multiúsos de Arcade); e o domingo 6 en Carnota (ás 12:00 horas, na Casa do Concello) e en Muros (ás 18:00 horas, no Cultural e Xuvenil).

Web e sorteo mensual de libros

Son as primeiras citas das 28 que teñen coas cativas e cativos galegos ata finais de outubro. O calendario completo pódese consultar na aplicación web Os Bolechas na máquina do tempo, onde as cativas e cativos poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e acceder a xogos e sorteos de libros dos Bolechas aos que pode optar calquera, aínda que os asistentes ás funcións coñecerán en exclusiva unha palabra clave coa que poderán dobrar o premio do sorteo. 









Arquivos