Os Bolechas cumprimos… 20 anos! E, para celebralo, presentamos unha edición especial da nosa colección máis querida: Formato Clásico. Un libro que reúne catro das primeiras historias ideadas por Pepe Carreiro e que, ademais, agora vos achegamos tamén en forma de audioconto.
“Hai xa 20 anos que Os Bolechas se converteron en parte da miña familia e pouco a pouco tamén da de moitos de vós”. Así empeza Pepe Carreiro a súa mensaxe de agradecemento a todas as persoas que nestas dúas décadas contribuíron a converter a popular familia en todo un fenómeno cultural. E aínda que actualmente os Bolechas están na rúa, na tele e mesmo nas redes sociais, comezaron sendo contos e os contos continúan a ser a súa esencia.
Por iso queremos iniciar esta celebración cunha edición especial no formato clásico dos Bolechas: os libros cadrados de tapas duras que xa está dispoñible nas librarías galegas e na nosatenda online.
Trátase dun libro que reúne catro as primeiras historias que saíron do maxín de Pepe Carreiro, alá a principios deste século. Son Os Bolechas xogan ás escondidas, Os Bolechas teñen gato, Os Bolechas perderon o can e Os Bolechas fan un carro. Catro aventuras que reúnen o espírito da familia máis querida polo público revisadas para adaptalas á actual normativa ortográfica e morfolóxica da lingua galega.
E cunha sorpresa engadida!
Dentro do libro hai un código para descargar os catro contos en formato audiolibro, unha nova forma de achegarse aos Bolechas que fomenta a imaxinación e a inclusión sen perder a esencia da popular familia. Só hai que meter o código na Web 20 Aniversario e escoitar algunhas das historias máis famosas da familia Bolechas.
É a primeira das sorpresas que estamos preparando con motivo desta gran celebración e que vos iremos dando a coñecer, como é habitual, a través da nosa web e das redes sociais Facebook e Twitter, onde estamos diariamente en contacto.