Máis de mil nenas e nenos da Estrada acudiron hoxe, 15 de xuño, á presentación do libro Os Bolechas van á Academia Galega de Seguridade. Alí coñeceron Os Bolechas pero tamén aos profesionais que se encargan diariamente da nosa seguridade.
Os escolares da Estrada visitaron esta mañá a Academia Galega de Seguridade Pública para coñecer as instalacións e o seu funcionamento así como as profesións das persoas que se forman nesta gran escola. Con eles estiveron tamén Os Bolechas, co seu R4 e o espectacular autobús de dous pisos que puideron coñecer de preto os máis de mil nenos e nenas que participaron neste acto.
Ao remate, tras coñecer o que se fai na Academia e cal é o labor de cada un dos profesionais que se forman nela –policías, garda civís, bombeiros, persoal de Emerxencias, Protección Civil etc.–, os cativos recibiron o libro dos Bolechas sobre a Academia e un título que os acredita como "policías infantís".
Os Bolechas van á Academia Galega de Seguridade Pública
O novo conto da colección “Guías Bolechas” narra unha visita da escola dos Bolechas ao centro. Ao tempo que Os Bolechas e as súas compañeiras e compañeiros percorren as instalacións e coñecen o funcionamento da Academia e das distintas seccións, os lectores do libro irán descubrindo o que se fai neste importante centro de aprendizaxe e as funcións que corresponden a cada membro de emerxencias e das forzas de seguridade no seu labor diario.
Unha boa forma de achegar aos máis novos o traballo destes profesionais que desenvolven un labor esencial na nosa sociedade.