Abarrotada a praza de España de Pontevedra para ver o BrincaBolechas de verán

Miles de persoas gozaron en Pontevedra dun novo espectáculo dos Bolechas dirixido a toda a familia. Acrobacias, música, baile e unhas terroríficas pantasmas encheron de diversión unha nova xornada das festas da Peregrina.

 




Tras o “BrincaBolechas. Circo de Nadal”, que esgotou todas as entradas na cidade o pasado mes de decembro, os populares personaxes infantís volveron a Pontevedra cun “BrincaBolechas de verán” que fixo as delicias de todos os seus seguidores.

O espectáculo, que tivo lugar na praza de España coindindo coas festas da Peregrina, contou coa presenza de todos os irmáns Bolechas –Carlos, Braulio, Pili, Loli, Sonia e Tatá– e do seu can Chispa. Con eles estiveron de novo moitos amigos artistas que fixeron pasar aos cativos e cativas unha tarde moi divertida.  

Aínda que houbo acrobacias, aéreos, malabares etc., a música dos Bolechas volveu ser a gran triunfadora. Miles de nenos e nenas cantaron os temas da popular banda sonora demostrando que coñecen ben aos seus personaxes preferidos. Pero o espectáculo nesta edición xiraba arredor do medo nas súas formas máis diversas: o medo a estar só, o medo ao descoñecido, o medo a voar, o medo a que todo saia mal...

Historia

Carlos, Pili, Loli e Sonia, axudados pola Mala, prepáranlle a Braulio unha festa sorpresa polo seu anivresario con cancións e números de circo. Pero tras cantarlle a canción do aniversario, Braulio non aparece. Toda a panda, liderada pola Mala, decide ir buscalo. Braulio aparece no palco, para sorpresa dos presentadores, asustado por uns fantasmas que o perseguen e que resultan ser dous personaxes moi coñecidos para todos.

“BrincaBolechas de verán” está producido por Edicións Bolanda e conta coa produción artística de Pistacatro e a dirección de Carlos Santiago. Conta coa participación dun amplo elenco técnico e artístico (entre o que destacan os membros da compañía Xarume que dan vida aos propios Bolechas) formado por máis de 20 persoas á fronte das cales están, como mestres de cerimonias, os coñecidos artistas Pepa Yáñez e Marcos González Carballido. 









Arquivos