Máis de 400 escolares do colexio da Ramallosa (Teo), participaron na gran festa de entrega de premios do concurso de debuxo “Historias do meu cole” co que Os Bolechas, a Obra Social “la Caixa” e a TVG trataron de pór en valor o papel da escola e dos mestres na vida das nenas e nenos galegos.
16 de decembro de 2015
“O grandísimo éxito de participación e o nivel de implicación, tanto no ámbito plástico como nas propias temáticas dos debuxos, demostraron a enorme importancia que ten a escola e o mundo educativo nas vidas dos cativos”, destacaron os responsables dos Bolechas na festa de entrega de premios, que se realizou no centro ao que pertence o neno ganador do gran premio de 1.000 euros: Diego Teo.
Este premio sorteábase entre os tres primeiros finalistas que foron, ademais de Diego, un alumno do colexio de Arzúa e unha nena do centro de Prácticas da EU do prof. da EXB de Ourense. Cada un dos primeiros finalistas leva un televisor Sony Bravia de 32 polgadas para el e unha tablet para o seu centro.
O acto da Ramallosa serviu de entrega simbólica do case medio centenar de premios que repartiu o concurso Historias do meu cole, patrocinado pola Obra Social la Caixa e a TVG, de aí que fose a directa da televisión pública galega, Rosa Vilas, quen fixese entrega do cheque de mil euros ao director do colexio da Ramallosa, José Manuel Ferreirós, e un responsable da Obra Social la Caixa quen entregase a tele a Diego Teo, mentres que a tablet recolleuna o profesor de Diego de mans de Pepe Carreiro, autor dos Bolechas.
Festa cos Bolechas
Ao rematar a entrega as nenas e nenos do CEIP da Ramallosa gozaron de todo o Universo Bolechas: música, cine, obradoiros, xogos tradicionais, sala de lectura… e mesmo un taller de debuxo impartido por Pepe Carreiro. Aínda que o que máis gozaron os pequenos foi a presenza dos propios Bolechas corpóreos, cos que puideron retratarse e xogar durante toda a mañá.
Resto de premiados
Ademais dos primeiros finalistas, o sorteo final deixou tres segundos finalistas que foron: na categoría A (ata 5 anos) un neno do colexio Fernández Latorre da Coruña, na categoría B (de 6 a 8 anos) unha nena do CEIP Agro do Muíño de Ames e na categoría C (de 9 a 12) un neno de 11 anos do CPI Doctor López Suárez de Friol. Cada un leva unha tablet android.
E os terceiros finalistas foron na categoría A un neno da EEI Fina Casalderrey de Pontevedra, na B unha nena do CEIP Plurilingüe Bragade de Oza-Cesuras e na C unha nena do colexio Asunción Sarria. Cada un leva unha bicicleta adaptada á súa idade.
Ademais os dous colexios con máis participación levan cadansúa tablet, que vai para o CEIP Ramón Cabanillas de Santiago e CEIP Pérez Viondi da Estrada. Todos estes premios súmanse aos tres agasallos que se repartiron cada semana e que fan un total de medio centenar de premios repartidos por toda Galicia.