Dous novos contos súmanse á colección "Formato clásico"

Os Bolechas teñen un dinosauro Os Bolechas dormen coa curmá Saladina son os dous novos títulos que se unen á colección "Formato clásico" dos Bolechas, unha das favoritas da cativada. E xa os tedes dispoñibles nos quioscos, librarías e na nosa tenda online


01 de marzo de 2017



Os Bolechas están no portal da casa e ven pasar a súa amiga Celia cunha mascota moi rara. É un porco vietnamita, porque seica agora lévanse as mascotas raras. A nena búrlase deles por teren un can, así que os irmáns pensan nunha mascota ben rara: un dinosauro! 

Así empeza Os Bolechas teñen un dinosauro unha das novas historias ideadas por Pepe Carreiro para a colección "Formato clásico", á que tamén se vén de unir outro título: Os Bolechas dormen coa curmá Saladina. Nesta aventura a curmá máis nova dos Bolechas queda a durmir na súa casa porque tía Lupa e tío Agostiño van ao cine. Saladina dorme no berce de Tatá e Tatá na cama de Carlos. E cando xa está prontos para durmiren… un sospeitoso cheiro impedirallo. E non será o único!

Os novos títulos, co formato habitual cadrado e ilustracións a dobre páxina, están xa dispoñibles á venda nas librarías e quioscos de toda Galicia. E tamén na Tenda dos Bolechas!









Arquivos