Transilvanians son os responsables de que o reggae estea presente no disco dos Bolechas. O seu suxerente Os Bolechas nas Cíes deixa ás claras a súa procedencia e a querenza pola música e a terra desta formación, gañadora na categoría de ska, reggae e mestizaxe nos I Premios Galegos da Música.
Tras varios cambios a formación está composta agora por Xabi "Space Duke” Viéitez (piano e hammond), Javier Marcos (voz e percusión), Néstor Meizoso (baixo), Toñete Rodríguez (trombón e voces), Pedro Fariñas (saxo e percusión), Javier Vicente (guitarra) e Kino “Little Cobra” (batería e voz). Sete músicos experimentados, procedentes doutras agrupacións, que comparten a paixón polo funk, o soul, o rhythm and blues e, como non, pola música reggae, que achegan aos máis novos no disco dos Bolechas.
Mandastes Os Bolechas ás Cíes, toda unha declaración de intencións...
Somos de Vigo, así que tiñamos que avogar polo noso, e as Cíes son un referente. Parecíanos unha boa ocasión para reivindicalas e, de paso, dálas a coñecer entre os máis novos.
E reivindicar tamén o voso estilo, que non é moi común en Galicia.
Tentamos facer algo fresco, de aí o tema “playero”, e seguir o noso estilo, a onda caribeña, precisamente para achegarche este tipo de música aos nenos, que cremos que lles chega moi ben.
Como vivistes a experiencia de compoñer un tema para Os Bolechas fan unha banda?
Pareceunos unha grande idea volver a facer un disco destas características; había moito que non se facía algo así en Galicia e é bo achegar a música aos pequenos, aínda que non fixemos un tema para cativos, é para todo o mundo.
En que andades agora?
Estivemos por Europa, presentando o último EP, Kings of catacomb Reggay, e foi moi ben. Xa estiveramos con Roy Ellis pero este verán foi máis intenso. Fixemos varios concertos en Alemaña e a verdade é que quedamos moi contentos, de feito estramos xa a preparar a xira europea deste ano. Agora estamos gravando os novos temas para o segundo LP.