Clases de inglés desde a casa co teacher dos Bolechas

Desde este luns 13 de abril, a Televisión de Galicia emite todas as mañás unha clase de inglés desde a casa a cargo do teacher dos Bolechas. Os programas están dispoñibles tamén na web da CRTVG.


16 de abril de 2020



O teacher e os Bolechas é un novo programa para este tempo no que o profesor de inglés dos Bolechas dá clases desde a casa a través da TVG. Deste xeito os Bolechas, e todas as nenas e nenos de Galicia, poden seguir os contidos.

En total son 13 capítulos de 15 minutos de duración que se emiten diariamente na segunda canle da TVG en horario de mañá e que complementan a programación da televisión pública destinada á poboación infantil e á mocidade na que xa están presentes os Bolechas a través de diversas propostas audiovisuais, como o curso de inglés One2Three que converteu o actor e profesor de inglés Miguel Guido no teacher dos Bolechas.

De novo Miguel Guido ponse á fronte da clase de inglés nesta nova proposta, O teacher e os Bolechas, que se suma ás iniciativas destinadas a esta época de confinamento, co obxectivo de achegarlle aos máis pequenos da casa unha iniciativa didáctica ao tempo que divertida, da man duns personaxes tan coñecidos como queridos para as familias galegas, tanto no ámbito audiovisual como editorial, musical e mesmo pedagóxico. Son moitos os materiais dos Bolechas destinados a que as nenas e nenos coñezan a súa contorna, tanto desde o punto de vista territorial como cultural, patrimonial… e esta proposta supón un paso máis adaptando o formato á situación que estamos a vivir de xeito que as nenas e nenos a vivan como algo normalizado ao ver que os personaxes de referencia están na mesma situación ca eles.

Contidos

Cada un dos 13 capítulos trata unha temática, que será a que centre a clase de inglés, pero tamén inclúeoutras actividades de carácter máis lúdico, como música, cociña, manualidades, xogos etc. E tamén conecta cos Bolechas para saber se estiveron atentos á lección e ver como están a pasar estes días na casa. Todos os capítulos están dispoñibles tras a emisión na páxina web da TVG.









Arquivos