Iniciamos o verán no lago das Pontes

Os Bolechas van á praia das Pontes é a nova aventura presentada onte na Casa Dopeso das Pontes de García Rodríguez. Ao acto asistiron alumnos dos colexios locais que recibiron cadanseu libro.


17 de xuño de 2014



Os escolares das Pontes de García Rodríguez non puideron ter mellor comezo de semana. Onte, luns, 16, asistiron na Casa Dopeso á presentación dunha nova aventura dos Bolechas que transcorre, precisamente, no lago das Pontes, a cuxa praia acoden os irmáns Carlos, Braulio, Loli e Pili, Sonia e Tatá para visitar ás súas amigas xemelgas Lorena e Rebeca. Alí volven coincidir co Felipe Eduardo, un neno do máis fachendoso ao que xa coñeceran na súa anterior visita ás Pontes, cadrando coa Festa da Fraga.

Trátase, coma sempre, dunha divertida historia sobre as aventuras destes seis irmáns e o seu can Chispa na praia do lago, onde practican multitude de deportes e actividades ao aire libre.

Os Bolechas van á praia das Pontes foi presentado polo alcalde Valentín González e maila concelleira de Cultura, Sara Ramos, nun acto no que tamén participou o cantautor infantil Pablo Díaz, que promocionou cancións do seu disco.

Á presentación asistiron máis de 200 escolares de Aspanaes, de sexto de educación infantil, e de primeiro e segundo de primaria de todos os colexios da vila, que recibiron cadanseu exemplar do libro, do que o Concello das Pontes editou mil exemplares co fin de que os cativos e cativas gocen da lectura este verán ao tempo que aprenden algo máis sobre a praia do lago.









Arquivos