Os Bolechas falan de amor no Grove

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres do Concello do Grove presentaron unha nova aventura dos Bolechas, que vai ser distribuída nos centros de educación infantil e primaria da localidade.


24 de decembro de 2019



Os Bolechas falan de amor no Grove, é o título da nova historia de Pepe Carreiro ambientada na vila arousá co fin de contribuír á educación en diversos valores e comportamentos. O conto servirá para traballar cuestións afectivo-sexuais pero tamén a importancia das emocións, o autocoidado, a importancia do respecto cara a unha/un mesma/o e cara ás demais persoas na súa diversidade, sexa esta física, funcional, de orientación sexual etc, así como cara á contorna, incidindo, por exemplo na importancia do coidado do medio, da natureza e tamén dos animais.

A presentación do novo libro tivo lugar hai uns días no municipio a cargo de Francisco M. Parada, concelleiro de Igualdade do Concello do Grove; Liliana Barral, responsable do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e impulsora do proxecto, e Arximiro Fernández Cabanelas, técnico de normalización lingüística municipal, que colaborou no asesoramento lingüístico e de estilo da obra editada grazas a unha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.









Arquivos