Este luns, 29 de xullo, presentamos na Biblioteca municipal de Caldas de Reis a nova guía dos Bolechas que transcorre neste concello e ten por protagonistas uns personaxes moi singulares.
A Biblioteca municipal de Caldas de Reis acolle este luns, 29 de xullo, as 13.00 h, a presentación do novo título dos Bolechas: Xigantes e Cabezudas en Caldas de Reis. Un novo libro da colección Guías que permitirá a caldenses e foráneos coñecer esta vila pontevedresa.
A historia comeza co interese dos Bolechas por coñecer uns personaxes moi famosos en Caldas de Reis, así que chaman a súa amiga Mariña para que llos presente. E de paso, comen roscón e visitan diversos espazos emblemáticos deste concello, como son o parque da Plazuela, a piscina municipal, o río Umia, o parque da Carballeira, as fontes da Burga e da ponte romana ou o campo de fútbol das Corticeiras, porque Mariña é unha gran deportista.