As televisións públicas de Asturias e Portugal emiten novas temporadas dos Bolechas

A Televisión Pública de Portugal (RTP) e a Televisión do Principado de Asturias (TPA) veñen de renovar a emisión da popular serie que emite a TVG na nosa comunidade desde o ano 2012 de forma ininterrompida. 


29 de xullo de 2016



Ao igual que aconteceu en Galicia, o éxito obtido pola serie de muppets tanto na comunidade de Asturias como en Portugal, levou ás súas respectivas televisións públicas a confiar de novo neste produto cen por cen galego que ambas as dúas canles emiten en horario de mañá, a portuguesa dentro do programa estrela da franxa infantil, o Zig Zag, e a do Principado no horario do almorzo, sobre as 9:00 h, con tres capítulos seguidos.

Asturias foi a primeira comunidade autónoma en emitir Os Bolechas. A serie comezou a verse a mediados de setembro do ano 2014 dobrada ao asturiano, e as primeiras emisións acadaron unha cota de audiencia líder na canle autonómica para unha serie infantil. Para a TPA a emisión dos Bolechas supuxo unha “forte aposta por unha programación infantil de calidade co engadido de facelo na lingua asturiana”. 

No país veciño Os Bochechas –que así son coñecidos alí os populares personaxes de Pepe Carreiro–, comezaron a emitirse en xaneiro de 2015 da man da Radio Televisión Pública de Portugal (RTP), a empresa pública de radio e televisión que xestiona actualmente varias emisoras de radio e dúas canles de televisión que emiten para todo o territorio portugués, ademais doutras cadeas a nivel nacional e internacional, como a RTP África.

Fito histórico

A emisión dos Bolechas en ambas as dúas televisións públicas supuxo un fito histórico para a serie, que leva emitíndose na Televisión de Galicia de forma ininterrompida desde o ano 2012, tanto a serie orixinal, Os Bolechas, como outras específicas que teñen tamén a esta familia como protagonista, como son o curso de inglés One2Three ou O Nadal na casa dos Bolechas, estreada nas pasadas festas de Nadal e na que participaron personaxes moi coñecidos na nosa comunidade.

En todos eles, os protagonistas son os populares personaxes creados polo debuxante e guionista Pepe Carreiro no ano 2000 e convertidos desde entón nun auténtico fenómeno cultural sen precedentes na literatura galega, con máis de 550 títulos editados e máis dun millón e medio de exemplares distribuídos.

Divertida e didáctica

Con estas renovacións, a familia Bolechas e o seu inseparable can seguirán divertindo as cativas e cativos de Asturias e de Portugal coas súas aventuras, ofrecéndolles unha alternativa de ocio achegada aos seus referentes culturais e á súa contorna, de xeito que interioricen conceptos e valores de forma amena e natural.









Arquivos