As estrelas da programación infantil da TVG acompañaron o sábado 5 aos Reis Magos na súa chegada a Galicia, concretamente na cabalgata da Coruña. Os Bolechas percorreron as rúas nun vehículo decorado para a ocasión xunto con outros personaxes do Xabarín Club.
O autobús infantil da TVG foi unha das principais atraccións da tradicional cabalgata de Reis da cidade herculina, onde milleiros de nenos puideron ver e saudar os seus personaxes preferidos da canle autonómica. Pero tamén foi un dos protagonistas da programación da televisión pública galega, que centrou a súa programación da tarde na chegada das Súas Maxestades a Galicia.
O programa A Revista da Tarde contactou tamén co Lugo, Vigo, Ferrol, Pontevedra, Ourense e Santiago, aínda que foi A Coruña a base central das conexións. Alí estaban os reporteiros Quique Morales e Iria Soengas. Tamén a Radio Galega fixo unha especial cobertura do evento en combinación coa actualidade deportiva no serán do sábado.