Chega á comarca da Paradanta a mostra das variedades dialectais

Ata o 19 de outubro permanecerá instalada na Praza Maior do Concello da Cañiza a mostra “Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego”. A carpa abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza dos Bolechas e dun grupo de estudantes do CEIP de Valeixe.


09 de outubro de 2018



A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua para dar a coñecer a riqueza do idioma galego, foi inaugurada esta mañá coa presenza de todas as irmás e irmáns Bolechas, que viaxaron ata A Cañiza para darlle a benvida e saudar a un grupo de 35 estudantes de 1.º, 2.º e 3.º de primaria do CEIP de Valeixe. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a concelleira de Cultura, Ana Cerviño, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.

Xosé Leal desexoulle ao alumnado que se divertira moito “nesta carpa, xogando pero tamén aprendendo, porque poderedes ver como falades vós e como falan os rapaces e rapazas doutros lugares do país”. O deputado tamén se referiu ás diferencias interxeracionais: “Poderedes ver como falades vós e como falan as vosas avoas e os vosos avós, e tamén as avoas e os avós doutros lugares”. Por último, animou a cativada presente “a volver por aquí todas as veces que queirades no horario de tarde, acompañados dos vosos amigos e das vosas familias”.

A concelleira de Cultura, Ana Cerviño agradeceu a iniciativa da Deputación de transmitir o idioma por toda a provincia e “por escoller A Cañiza, como cabeceira de comarca, para instalar esta carpa”, mentres que Tomás Valín, da Editorial Bolanda, explicou que a mostra está concibida “como un itinerario interactivo que nos vai contando como se fala en todos os puntos de Galicia, a través de diversos xogos que están aquí para que poidades utilizalos e aprender xogando”.

Horario e visitas

O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca e polas tardes abre para todo tipo de público. A día de hoxe xa hai reservas por parte do CEIP de Valeixe, do CEIP da Cañiza, do CEIP Manuel Sieiro de Crecente, do CEIP Antonio Carpintero de Arbo, e do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo.

A exposición estivo xa en Pontevedra, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Moaña e A Estrada.  Tras pasar pola Cañiza, continuará a súa itinerancia por Caldas, Tomiño, Ponteareas e Vigo.









Arquivos