A expo da lingua está en Lalín con todas as quendas para visitas escolares esgotadas

A praza de Galicia de Lalín acolle ata o vindeiro 11 de xuño a carpa coa mostra didáctica ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego’ coa que a Deputación de Pontevedra pretende achegar, a través do universo Bolechas, a riqueza do idioma galego a todas as comarcas da provincia.


04 de xuño de 2018



A mostra, orientada a público familiar e, nomeadamente, a alumnado de primaria, está concibida para atender grupos escolares durante as mañás, unha opción á que se acolleron con notable éxito os centros educativos da comarca quedando as quendas completas mesmo antes da súa inauguración. De todos xeitos, tamén se atenderán as demandas dos centros educativos que teñan opción de programar visitas durante as tardes.  

A exposición abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que se achegaron ata a capital do Deza para darlle a benvida e saudar aos preto de 60 alumnos e alumnas procedentes do EEI de Donramiro, do CEIP Cabanillas de Dozón, e do CEIP Xesús Golmar de Lalín. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a concelleira de Cultura de Lalín, Lara Rodríguez, o alcalde da localidade, Rafael Cuíña, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.

“Aquí poderedes ver que o galego que se fala en Lalín non é o mesmo que se fala no Morrazo ou no Baixo Miño pero que todas as formas de falar son correctas e que o importante do idioma é falalo” explicou Xosé Leal durante a súa intervención ante a cativada. O deputado de Cultura e Lingua aseguroulles aos rapaces e rapazas presentes que “sodes o presente e o futuro de Lalín e da comarca do Deza, e sodes tamén o presente e o futuro da nosa lingua”. Leal tamén lles explicou que “sodes uns privilexiados porque hoxe é o día que veñen os Bolechas en persoa” e animounos a manter o idioma vivo e a “volver a visitar esta mostra todas as veces que queirades, porque ademais de vir co cole, podedes volver polas tardes coa vosa familia e cos vosos amigos e amigas”. O alcalde de Lalín agradeceu ao ente provincial o esforzo e as iniciativas a prol da lingua e tamén a labor docente de profesores e profesoras da comarca por “educar na nosa cultura e na nosa lingua”. Rafael Cuiña aproveitou ademais a ocasión para anunciar que “estamos traballando desde a concellería de Cultura, con Lara Rodríguez, na edición do libro ‘Os Bolechas veñen á Feira do Cocido”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez animou a todos e todas as presentes “a gozar da mostra e a volver máis días”. A concelleira asegurou ademais que “esta mostra é un indicativo da gran labor que está facendo a Deputación pola nosa lingua”. En representación da Editorial Bolanda, Tomás Valín explicou que a mostra está concibida “para aprender xogando” e “para coñecer todas as maneiras que temos de falar, e para que poidades ver e escoitar como de diferente se fala noutros lugares como Lugo ou A Coruña”.

A exposición, que arrancara en Pontevedra a mediados de maio, estará en Lalín ata o 11 e desprazase despois a Vilagarcía, onde estará do 15 ao 26 de xuño, e no outono continuará por Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, Tomiño, Ponteareas e Vigo. Pola mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos –os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155-, e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.









Arquivos