Entregamos en Verín o Gran Premio da Xira de Nadal
Esta tarde fixemos entrega en Verín do Gran Premio da Xira de Nadal 2015: un lote de cen libros dos Bolechas. O afortunado gañador, que recolleu o seu premio na Biblioteca municipal, foi Álvaro Vega que, ademais, cumpría hoxe anos. Felicidades!
Álvaro Vega, de Verín, foi o afortunado gañador do Gran Premio final da Xira de Nadal 2015 dos Bolechas. O neno, que precisamente visitou a nosa caravana na súa vila natal o pasado día 3 de xaneiro, cubriu a tarxeta para participar nos sorteos asociados á xira e conseguiu facerse así co lote de 100 libros dos Bolechas, que recolleu hoxe na Biblioteca municipal de Verín. Alí estiveron, acompañando o afortunado gañador, o concelleiro de Cultura, familiares e amigos do neno.
Pero ademais do Gran Premio final, repartíronse outros 12 agasallos, dous por cada unha das seis vilas nas que estivo a caravana Bolechas este Nadal. Os gañadores destes premios –un curso de inglés mais un lote de libros dos Bolechas– foron:
Viveiro: Candela Sánchez e Iago de Vicente
Narón: Carlota Fandiño e Martina Seoane
As Pontes: Miguel Antón e Álex Basanta
Foz: Celia Martínez e Martín Arca
Verín: Brais Firvida e Pablo González
Allariz: Xián Fernández e Isabella Cid
Xira de Nadal
A Xira de Nadal 2015 dos Bolechas comezou o día 26 de decembro en Viveiro e pasou por As Pontes (27 de decembro), Narón (29 de decembro), Foz (2 de xaneiro) e Verín (3 de xaneiro), ata rematar o 4 de xaneiro en Allariz. Centenares de nenas e nenos puideron coñecer en cada unha das localidades os seus personaxes favoritos e gozar de todo o Universo Bolechas, ao tempo que facerse con algún dos libros ou produtos da popular familia.