Os Bolechas van a Rois e o título da nova guía que se presenta este xoves, 16 de abril, no Auditorio municipal de Rois. No acto o autor dos Bolechas, Pepe Carreiro estará coas nenas nenos de infantil e primaria do concello.
O Auditorio Municipal de Rois (edificio multiusos), acolle este xoves, 16 de abril, ás 10 h, a presentación dun novo título dos Bolechas que transcorre neste municipio. O conto, que se inscribe na colección Guías, narra as aventuras dos Bolechas por Rois, onde visitan diferentes puntos na compaña dun robot guía turístico construído pola irmá do seu amigo Roi, alumna do colexio dos Dices e membro do equipo de TecnoRois.
O robot chámase Fumegabyte e funciona moi ben. Vai cos Bolechas polo concello e explícalles moitas cousas interesantes sobre Rois, como que son os víacrucis como o de Sorribas ou os museos etnográficos, como o que hai en Urdilde. Pero, de súpeto, Fumegabyte saca a trompa e di cousas moi raras… Ai! Seica ten algúns cabos soltos que alguén terá que amañar…
Na presentación do libro estará o alcalde do concello, Ramón Tojo, e o autor dos Bolechas, Pepe Carreiro, quen lles explicará ás nenas e nenos presentes como se “constrúen” as historias dos Bolechas. Asistirán ao acto escolares de educación infantil e de primeiro ciclo de educación primaria das escolas de educación infantil, a Galiña azul, o CPPI Os Dices-Rois e CEIP O Pumar-Urdilde.