Os Bolechas no catálogo “Libros infantís e xuvenís de Galicia 2017”

Un total de seis títulos dos Bolechas integran o catálogo coeditado pola Secretaría Xeral de Cultura e Gálix, co apoio da Asociación Galega de Editoras, co fin de promocionar a edición en galego no mercado internacional.


31 de marzo de 2017



O catálogo reúne 109 títulos en galego publicados no último ano por 23 entidades para os lectores máis novos. Entre elas está Edicións Bolanda, responsable dos Bolechas, que entre os 11 libros que presenta neste catálogo incluíu seis da serie creada por Pepe Carreiro. Trátase de Os Bolechas dormen na casa dos curmáns, Os Bolechas van á neve, Os Bolechas van ao parque acuático, Os Bolechas van de hotel, Os Bolechas van en carriño e Os Bolechas ven unha moura.

Coeditado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e pola Secretaría Xeral de Cultura, co apoio da Asociación Galega de Editoras (AGE), o catálogo pretende dar a coñecer no mercado internacional as últimas novidades editoriais galegas dirixidas ao público infantil e xuvenil, para o que ofrece información en galego, castelán e inglés de cada obra, que se acompaña con ilustracións.

O catálogo foi presentado con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebra o 2 de abril, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente de Gálix, Xosé A. Perozo; o vicepresidente da AGE, Henrique Alvarellos; o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Sergio Covelo; e a ilustradora Nuria Díaz.

Difusión para unha serie de éxito internacional

Os Bolechas estarán xa a próxima semana na feira máis importante do mundo de literatura infantil e xuvenil, a Feira do Libro de Boloña, que se desenvolverá este ano entre o 3 e o 6 de abril, no stand de Galicia, o que suporá un pulo a unha serie que conta xa cun importantísimo recoñecemento internacional.

Os libros dos Bolechas edítanse en Portugal desde hai anos con grande acollida por parte dos novos lectores portugueses, especialmente desde que a televisión pública estatal comezou a emitir a serie en 2014, renovando en varias ocasións xa grazas ao éxito obtido.









Arquivos