Os Bolechas chegan acompañados este Nadal da bruxa Befana
A xira de Nadal dos Bolechas dará comezo o 22 de decembro en Vilagarcía e rematará o 8 de xaneiro en Santa Comba. En total oito localidades galegas vivirán a maxia do Nadal cos Bolechas.
Este mércores, 14 de decembro, presentouse no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela a xira dos Bolechas para este Nadal 2022-2023. Nesta ocasión a popular familia virá acompañada da bruxa Befana, un personaxe típico de Nadal en Italia do que os Bolechas van botar man este ano para celebrar estas datas típicas da man, como é habitual, da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Na presentación da xira estiveron Antonio Couto responsable de Edicións Bolanda; Marta Fernández, responsable de Comunicación Corporativa e RSC da CRTVG, -osé Luis Fernández, director de Comunicación de Gadis e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Todos puxeron en valor a nova xira dos Bolechas, convertida xa nunha tradición de Nadal en Galicia, e que este ano se desenvolverá desde o 22 de decembro ata o 8 de xaneiro.
A bruxa Befana
Os Bolechas este Nadal recibirán unha visita moi especial... non se trata dos Reis Magos de Oriente, nin de Papá Noel, nin tan sequera do Apalpador... Tampouco chegará en camelos, como os Magos de Oriente, nin en burro como o Apalpador, nin en zorra tirada por renos como Papá Noel...
É unha bruxa! Pero unha bruxa boa... moi, moi boa... molto buona!
É a bruxa Befana, a encargada de levarlles doces e xoguetes ás nenas e nenos italianos, pero que este ano desviouse do seu camiño para acabar na casa dos Bolechas... Poderán recibir os Bolechas os seus agasallos este Nadal?