Sabedes separar ben o lixo?

Todos coñecemos conceptos como reciclaxe, redución e reutilización pero a economía circular vai máis aló. Coñecedes o criterio Muti-R? Sabedes separar correctamente o lixo? Sogama, a través dos Bolechas, quere ensinarlles aos máis novos o que poden facer neste ámbito para mellorar entre todos a nosa contorna.


16 de marzo de 2017



Os Bolechas participan nun concurso televisivo denominado “Sabes a cor do colector?”, co que Sogama pretende ensinar a separar correctamente os residuos no fogar para que poidan ser reciclados e, por tanto, convertidos en novos produtos de utilidade, evitando así o uso desmedido de recursos naturais, moi limitados debido á acción devastadora do home sobre os mesmos.

Pili exerce de presentadora e, antes de pasar á acción, concreta os tipos de refugallos a depositar en cada un dos contedores de recollida selectiva situados nas vías públicas. Así, recorda que o amarelo acolle latas, briks e envases de plástico; que o azul está destinado a facer provisión do papel e cartón; que no iglú verde deben introducirse os envases de vidro (botellas, frascos e tarros), e que tamén hai un recipiente específico para pilas, de gran importancia, toda vez que unha soa pila botón, aparentemente inofensiva, pode chegar a contaminar ata 600.000 litros de auga.

Carlos, Loli, Braulio e Sonia son os concursantes, animados en todo momento por Tatá  e o can Chispa. Pola pantalla xigante circulan distintos tipos de residuos aos que os concursantes deben asignar o contedor de destino, e o gañador será obsequiado cun diploma que o acredita como “O mellor separador de lixo”.

A economía circular, máis aló dos tres erres

Con este recurso educativo, preténdese poñer de relevo a necesidade de incorporar a práctica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) á vida diaria dos cidadáns de cara a garantir unha xestión máis sostible do noso lixo.

Estes tres pasos eríxense en tres esixencias básicas para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento que permita abandonar o actual  sistema lineal de usar e tirar, que ameaza con extinguir os recursos, e garanta a transición cara a economía circular, un novo concepto de desenvolvemento que xa constitúe unha prioridade nas políticas europeas, e que vai máis aló dos tres erres, incorporando outros como repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír e recuperar. Trátase do criterio Multi-R, que contempla a necesidade de que o deseño de bens e produtos pense nestes ao longo de toda a súa vida útil (produción, transporte, distribución, utilización e fin de vida). 

O vídeo está dispoñible na web de Sogama. 









Arquivos



PHP Warning: getimagesize(imaxes/Novas/281/): failed to open stream: No such file or directory in H:\webspace\hostings\osbolechas.gal\hosting\www\PanelAdmin\functions.php on line 577