Grande éxito dos Bolechas en Marineda City

Os Bolechas celebraron este sábado, 12 de abril, o terceiro aniversario do centro comercial Marineda City na Coruña. Milleiros de persoas saudaron e fotografáronse cos populares personaxes ao longo da tarde.


14 de abril de 2014



Ningún irmán Bolechas quixo perderse o aniversario de Marineda City celebrado ao longo de toda a pasada semana, así que o sábado arrancaron para A Coruña Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá acompañados, como non podía ser doutro xeito, por Chispa.

Arredor das 18.00 horas todos os irmáns saíron ás rúas do centro comercial para saudar os milleiros de fans que se achegaron a velos. Os Bolechas interpretaron varios temas do seu disco e o emblemático Somos Os Bolechas, que puxo a bailar a grandes e pequenos. E tras a actuación percorreron todo o centro comercial para que ninguén quedara sen saudalos e sen a súa foto.

Aínda que xa desde primeira hora da mañá estaba instalado o fotomatón dos Bolechas, para que todo o mundo puidera levar unha instantánea cos seus personaxes preferidos. E foron moitos os que ao longo de todo o día pasaron por el para teren un divertido recordo.

Unha gran festa que Os Bolechas gozaron tanto ou máis que os milleiros de fans cos que compartiron a tarde do sábado e aos que agradecen, coma sempre, o seu apoio e cariño incondicionais. 









Arquivos