A festa de fin de curso de Voz Natura contou coa presenza da familia Bolechas
Os numerosos nenos e nenas asistentes viviron unha xornada repleta de actividades, na que os Bolechas tiveron unha aparición estelar acompañados polo seu coche oficial.
O pasado sábado, 1 de xuño, o parque deportivo Acea de Ama de Culleredo acolleu a celebración de fin de curso de Voz Natura. O programa de educación medioambiental está impulsado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e xa conta con 16 anos de existencia.
Miles de familias achegáronse a Culleredo para participar nunha xornada lúdica con talleres, atraccións e actividades para os máis cativos. Os irmáns Bolechas fixeron a súa entrada triunfal a media mañá. O colorido R4 que os acompaña nas súas viaxes anunciaba a súa chegada coa canción Somos os Bolechas, a sintonía da serie de televisión xa ben coñecida polos rapaces. A expectación era máxima e os protagonistas non se fixeron agardar. Xunto con Xabarín e Terri, a mascota de Voz Natura, animaron o inicio do evento.
Pero a festa tiña tamén como obxectivo a entrega de premios dos traballos desenvolvidos polos alumnos e alumnas dos centros participantes. E alí estiveron os Bolechas, facendo gala da súa enerxía para recibir aos premiados no escenario. Música, baile e diversión foi o resumo dunha xornada que os máis cativos tardarán en esquecer.