Preséntase en Rianxo unha nova guía dos Bolechas

Os Bolechas presentan mañá, martes 15 de outubro, un novo título da colección Guías: Arousa Norte. Pepe Carreiro estará no acto de presentación que terá lugar no colexio Alfonso Rodríguez Castelao de Rianxo ás 12 horas.




Os Bolechas van de excursión ao Barbanza cunha amiga, Carme, e coa súa gata Larafuzas. Para darlle a merenda á gata, os seis irmáns Bolechas, Chispa, Carme e Larafuzas terán que embarcarse e percorrer a comarca na busca do manxar preferido da mica. Así, pasarán por algúns dos lugares máis fermosos de Riveira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

Un mapa ao inicio do libro permite situar os principais monumentos e lugares de interese destes catro concellos, algúns moi coñecidos, como as Dunas ou o Faro de Corrubedo, e outros non tanto, como o hórreo de Araño, o Castelo da Lúa ou a ermida de San Ramón de Bealo.

Pero ademais de coñecer Arousa Norte, os nenos e nenas poderán gozar dunha nova aventura dos Bolechas e divertirse coas actividades que se inclúen ao final do libro para colorear, re-debuxar e colorear ou buscar as sete diferenzas entre dous debuxos relacionados coa historia.

O libro presentarase mañá ás 12.00 horas no colexio Alfonso Rodríguez Castelao de Rianxo. Estarán no acto, entre outros, o presidente da Mancomunidade Arousa Norte, Adolfo Muíños. e o creador dos Bolechas, Pepe Carreiro. 









Arquivos