Os Bolechas levarán a mensaxe da igualdade de xénero por toda Galicia

A Cidade da Cultura acolleu esta mañá a presentación da campaña 'Os Bolechas pola igualdade' elaborada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, para promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero entre a poboación infantil.


17 de decembro de 2019



Máis dun centenar de escolares de educación primaria do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela foron testemuñas hoxe da presentación da nova campaña da Xunta de Galicia para promover a igualdade e previr a violencia de xénero desde a infancia. O colexio compostelán foi o elixido para participar neste acto por ser o gañador do concurso de carteis do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, convocado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Secretaria Xeral da Igualdade.

A responsable deste departamento, Susana López Abella, xunto coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, aproveitaron para felicitar a toda a comunidade educativa e insistir na importancia que xoga a escola na coeducación e na transmisión de valores esenciais como son a promoción da igualdade, a prevención da violencia de xénero, a corresponsabilidade etc.

A campaña presentada hoxe ten como protagonistas aos Bolechas, uns personaxes ben coñecidos pola cativada que desde hai xa 20 anos transmiten estes valores universais en todas as súas accións. Neste caso o material para traballar a igualdade coas novas xeracións inclúe un libro dos Bolechas onde se explica como mamá e papá Bolechas educan as fillas e fillos en igualdade, sendo eles mesmos exemplo; unha unidade didáctica para traballar sobre o tema nas etapas de educación infantil e primaria e que inclúe un 'Dicionario básico da igualdade' de grande axuda para explicarlle á cativada conceptos esenciais, e un caderno de actividades para xogar aprendendo e especialmente destinado a primeiras idades, xa que é máis sinxelo.

Segunda campaña 'Xoguetes pola Igualdade'

Ademais do novo material didáctico, o acto serviu para presentar a campaña 'Xoguetes pola Igualdade', que leva a cabo a Secretaria Xeral por segundo ano consecutivo co fin de sensibilizar sobre o contido sexista e violento de moitos xogos e xoguetes, acabar coa segregación de nenas e nenos nos xogos derivada duns estereotipos de xénero que persisten na sociedade.

Todo o material está accesible no Portal das Mulleres da Secretaría Xeral da Igualdade para que calquera persoa interesada poida acceder a el, e tamén se enviará aos centros de educación infantil e primaria de Galicia. Hoxe xa lles foi entregado aos escolares presentes no acto e protagonistas do mesmo, xa que foron catro alumnas e alumnos (Catalina, Daniel, Sara e Mateo) os encargados de transmitir as mensaxes esenciais da campaña.

A xornada rematou con varios talleres e xogos sobre igualdade a cargo dos Bolechas cos que as nenas e nenos puideron mergullarse de cheo no tema e pasalo en grande cos seus personaxes favoritos.









Arquivos