Os Bolechas e o seu novo coche na inauguración do centro comercial As Cancelas

Todos os Bolechas estiveron na inauguración do novo centro comercial As Cancelas de Santiago, onde aproveitaron para mostrar por vez primeira o seu coche. Hoxe, venres 16 de novembro, volverán a estar de 18.00 a 21.00 h.




Todos os irmáns Bolechas xunto co seu can, Chispa, estiveron este xoves, 15 de novembro, na inauguración do centro comercial As Cancelas para saudar aos seus milleiros de seguidores, facerse fotos, repartir agasallos e presentar o seu coche.

Era a primeira vez que o novo coche dos Bolechas saía á rúa e a acollida foi espectacular entre as persoas que se achegaron á nova área comercial compostelá.

Tanto os populares irmáns coma a súa peculiar unidade móbil causaron gran expectación entre os miles de persoas que ateigaban o complexo comercial, que non quixeron perder a ocasión de retratarse cos seus personaxes favoritos. Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia e mesmo o pequeno Tatá, que ía no seu carriño acompañado de Chispa, repartiron saúdos, bicos e alegría a esgalla ata ben entrada a tardiña.

Hoxe, venres 16 de novembro, todos volverán a percorrer o centro comercial As Cancelas de 18.00 a 21.00 horas, unha boa ocasión para ver os Bolechas e o seu novo coche os que non tiveron ocasión de facelo onte. 









Arquivos