O CEIP Unión Mugardesa recibiu hoxe o gran premio do concurso de debuxo de RAEE
O colexio Unión Mugardesa recibiu esta mañá a visita dos Bolechas e da conselleira de Medio Ambiente, que foi a encargada de entregar o gran premio de 3.000 euros do concurso de debuxo de RAEE. Recolleron o cheque o director do centro e a profesora de 5.º de primaria, a clase gañadora do sorteo, que deixou tamén decenas de premios por toda Galicia.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo entrega esta mañá do premio da primeira campaña de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) ao CEIP Unión Mugardesa. O director do centro, José Antonio Rodríguez, agradeceu o premio ao tempo que destacou o intenso labor medioambiental que desenvolve o colexio durante todo o ano. Tamén a profesora de 5.º de primaria, a clase gañadora do cheque de 3.000 euros, Blanca Cotovad, subliñou a importancia de educar desde a infancia para evitar os graves problemas que sofre o planeta e agradeceu a iniciativa destinada a afondar nun tema “que debe ser transversal” na educación das novas xeracións, tal como indicou.
A conselleira incidiu tamén na importancia de formar e interiorizar desde as idades máis cativas estas condutas responsables para aplicalas ao longo da vida, e destacou os problemas que ten o consumo desmedido, especialmente no ámbito tecnolóxico, e recordou que o ano pasado recolléronse preto de 14.500 toneladas de RAEE dos que un 93 % eran de orixe doméstico. Ángeles Vázquez recordou as pequenas accións que se poden realizar día a día, con independencia da idade, para lograr o obxectivo global de paliar os efectos do cambio climático; e argumentou que é de gran importancia formar e interiorizar dende as idade máis cativas a necesidade de manter condutas responsables, porque esa aprendizaxe acompañaraos ao longo de toda a súa vida.
Ademais de felicitar aos premiados, a conselleira agradeceu a colaboración dos Bolechas, que nesta campaña convertéronse nos Electrecos e percorreron centos de colexios e vilas de toda Galicia explicando a importancia que teñen as accións de cada un para garantir unha boa saúde do planeta e das persoas. Grazas a isto, logrouse a participación de 25.000 escolares neste primeiro concurso de debuxo sobre a reciclaxe de RAEE que converteu as nenas e nenos galegos en auténticos superheroes da reciclaxe.
Ao longo da mañá todas as clases do CEIP Unión Mugardesa puideron gozar coa visita dos Bolechas corpóreos así como cos talleres e actividades propostos tanto no propio centro como no autobús da campaña de RAEE que arestora está de xira por toda Galicia.