Mireia conta que é o dano cerebral adquirido

O 25 de outubro presentarase na Biblioteca do Milladoiro (Concello de Ames) o novo libro dos Bolechas destinado a dar a coñecer que é o dano cerebral adquirido. Unha iniciativa da Federación Galega de Dano Cerebral que servirá para axudar a comprender esta discapacidade.


11 de outubro de 2022



Con motivo da conmemoración, o próximo 26 de outubro, do Día do Dano Cerebral Adquirido (DCA), a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) organiza o martes 25 unha iniciativa destinada ao público infantil e familiar: a presentación do libro dos Bolechas “Mireia conta que é o dano cerebral adquirido”.

A nova guía dos Bolechas busca sensibilizar a poboación máis nova da situación que viven as persoas que sofren un dano cerebral adquirido. O libro vaise presentar na Biblioteca do Milladoiro (rúa Raxoeira, 14), do concello de Ames, o martes 25 de outubro ás 17:30 horas, e Fegadace agasallará co libro a todas as nenas e nenos que asistan. Ademais da presentación, haberá contacontos, e estará no acto o autor, Pepe Carreiro, que asinará o libro.

A Federación Galega de Dano Cerebral editou esta guía no marco dun proxecto financiado pola Deputación da Coruña. Ademais, distribuíronse tres exemplares do título en todos os centros de ensino infantil e primario e en todas as bibliotecas municipais da provincia da Coruña.

'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' é unha nova guía de Os Bolechas na que a familia coñece a Mireia, unha nena que ten dano cerebral adquirido. Con ela aprenden cales son as causas desta discapacidade, como son as secuelas, que ela mesma presenta, e reciben algúns consellos para relacionarse coas amigas e amigos que teñen dano cerebral adquirido.









Arquivos