Entre xuño e xullo percorreremos 24 concellos para concienciar sobre a xestión dos residuos eléctricos e electrónicos (RAEE). Unha iniciativa que se enmarca na campaña "O que se enchufa, recíclase", posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente para mellorar a xestión e o tratamento deste tipo de refugallos.
Ao longo dos meses de xuño e xullo levaremos por 24 municipios galegos unha nova acción de sensibilización en materia de reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). A iniciativa enmárcase na campaña "O que se enchufa, recíclase", impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coas entidades de responsabilidade ampliada de produtores de RAEE, co obxectivo de mellorar a xestión deste tipo de materiais e sensibilizar á cidadanía para implicala na reciclaxe.
Para iso os Bolechas levan unha carpa e un espectacular autobús no que se ofrecen diversas iniciativas de divulgación e traballo. Na carpa inchable tipo iglú monitores especializados informan sobre a reciclaxe dos RAEE. No interior hai unha pantalla con xogos interactivos e outras nas que se proxectan vídeos informativos sobre o tema. Tamén se conta con valados, bicicletas e outro material que serve de soporte publicitario.
A campaña busca coincidir en cada localidade cunha festa ou evento relevante, de xeito que se chegue ao maior número de persoas. Así, en Santiago, por exemplo, a acción realizouse durante os días da celebración do Son do Camiño, na Coruña en paralelo ao Gran Premio Internacional Marcha Cantones e en Viveiro co festival Resurrection Fest.
Máis información e mellor xestión
O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente con esta iniciativa é fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo actuais e como inciden na nosa contorna, contribuíndo para evitalo a un mellor tratamento dos RAEE a través do incremento das actuais taxas de recuperación. Así mesmo, trátase de proxectar a imaxe de Galicia como pioneira en sustentabilidade e educación ambiental desde a infancia, como vía para contaxiar ao resto da sociedade dese mesmo impulso sustentable e ecolóxico.
Desde a posta en marcha da campaña a finais do ano pasado, os Bolechas –convertidos nos Electrecos, os superheroes da reciclaxe de RAEE–, percorreron xa 350 colexios de educación infantil e primaria de toda Galicia propoñendo actividades educativas relacionadas cos RAEE. Tamén se convocou un concurso escolar de debuxo infantil para que as nenas e nenos puideran expresar de forma creativa a súa visión da reciclaxe, o coidado do medio ambiente ou o respecto pola súa contorna.