Visitamos o Parlamento xunto a 400 escolares de toda Galicia

O Parlamento de Galicia acolleu unha xornada infantil de portas abertas na que participaron arredor de 400 escolares de educación infantil e primaria das catro provincias galegas. Con eles estiveron no Pazo do Hórreo Os Bolechas.


26 de abril de 2018



 

O escolares foron recibidos polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices quen lles deu a benvida e convidounos a participar nas actividades programadas para dar a coñecer as funcións e o traballo da Cámara. Santalices agradeceu tamén a implicación do profesorado para a realización deste tipo de actividades de divulgación.
A visita, que estivo animada polos Bolechas, desenvolveuse en diversas salas do Pazo do Hórreo. No Hemiciclo os escolares recibiron explicacións sobre o funcionamento da institución, mentres que noutras dependencias participaron en actividades como quebracabezas ou a visualización de diferente material audiovisual. Os participantes na actividade tamén tiveron ocasión de coñecer unha edición facsimilar, a tamaño real, da Carta Xeométrica de Galicia, elaborada por Domingo Fontán na primeira metade do século XIX. 
 
As nenas e nenos coñeceron tamén o material didáctico e os xogos dispoñibles na web do Parlamento de Galicia para divulgar o papel do poder lexislativo galego entre as nenas e nenos de infantil e primaria. Esta foi a segunda xornada infantil de portas abertas que acolle o Parlamento de Galicia nesta Lexislatura. A actividade xurdiu para complementar e reforzar o programa de visitas guiadas que ten en marha o Parlamento de Galicia.








Arquivos