Coñecedes Oia?

Os Bolechas foron a Oia e coñeceron o mosteiro de Santa María, as Sobreiras do Faro, a Serra da Groba, o Pozo do Arco, o río Tamuxe… e moitos outros recunchos fermosísimos deste concello pontevedrés situado no Baixo Miño. 


22 de decembro de 2016



Os Bolechas van a Oia é o último título da colección Guías, destinada a dar a coñecer os marabillosos lugares da nosa xeografía. Nesta ocasión os Bolechas desprázanse ao concello de Oia para pasar uns días cunhas amigas e amigos oienses.

Hainos de todas as parroquias: Burgueira, Loureza, Mougás, Pedornes, Viladesuso e Oia. Nesta última, na Pedreira, merendan e, mentres comen, contan o que lles pasou cun cabalo, porque en Oia hai uns cabalos fermosísimos.

Fermosísimos… e bravos. A Loli antollóuselle facer un carro de cabalos para percorrer todo o municipio comodamente e Uxía, unha nena de Mougás, axudouna a elixir cabalo. Mais os animais salvaxes non se deixan coller tan facilmente, e o cabalo bótase a correr como un tolo monte abaixo. Os Bolechas e os amigos oienses teñen que facer ata piragüismo e parapente para seguilo e, cando se decatan… xa percorreron todo o concello atrás do cabalo!

Unha emocionante aventura que vos mostrará un dos municipios máis fermosos da nosa terra. 









Arquivos