Percorremos Galicia contando a nosa experiencia como familia acolledora

Este venres presentouse en Santiago a Campaña “Os Bolechas familia acolledora” que nos próximos días estará en sete localidades galegas dando a coñecer o acollemento familiar.


18 de xullo de 2014



A presentación da nova campaña tivo lugar hoxe en Santiago e nela estiveron Carmen Colmeiro, presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Amparo González, directora xeral de Familia e Inclusión da Xunta de Galicia, e Mónica Castelao, coordinadora de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia.

Tal como expilcaron, a campaña pretende dar a coñecer o acollemento familiar e incorporar máis personas ao programa de Familias Acolledoras, xa que hai menores que, durante un tempo, non poden ser atendidos axeitadamente polas súas familias e o mellor é que convivan cunha familia acolledora. O lema é “Porque hai nenas e nenos que precisan vivir en familia”.

Nestes momentos en Galicia hai 25 nenos á espera de acollemento mentres que outros 144 menores están a ser acollidos. Na actualidade son 264 as familias que pertencen a este programa na comunidade autónoma pero segue sendo esencial ampliar o número de persoas acolledoras, xa que non sempre é doado dar coa familia acolledora idónea para cada menor.

Os detalles da xira

Para que ninguén quede sen coñecer o programa de Familias Acolledoras, Os Bolechas percorrerán Galicia nos próximos días co seu espectacular autobús de dous pisos e visitarán un total de sete localidades, onde tamén se instalará unha carpa na que se ofrecerá información sobre a situación dos menores, os perfís das persoas acolledoras, os tipos de acollemento e os pasos para facerse familia acolledora.

No autobús haberá multitude de xogos e actividades destinados a que os máis novos coñezan tamén o acollemento ao tempo que gozan dos seus personaxes preferidos. Na área de lectura da primeira planta poderán ler os libros dos Bolechas e na sala de cine da segunda planta poderán ver a popular serie dos Bolechas, ademáis haberá contacontos e karaoke.

Datas e localidades

A caravana Bolechas fará a súa primeira parada o próximo luns, 21 de xullo, en Monforte de Lemos. Ao día seguinte visitará a cidade de Ourense e o mércores 23 estará en Vigo. Tras un pequeno descanso, o luns 28 de xullo chegará a Burela, o martes 29 a Oleiros, o mércores 30 a Boiro e o xoves 31 de xullo rematará o percorrido en Vilagarcía de Arousa. 

En cada unha das vilas o autobús e a carpa estarán abertos durante todo o día (en horario de mañá e tarde) para informar sobre o programa de acollemento familiar e para achegar a pequenos e maiores toda a diversión do Universo Bolechas que tan ben coñecen as familias galegas.









Arquivos