O material está dispoñible en Internet para que pais e profesores poidan achegar os máis pequenos ás características, costumes e curiosidades do carnaval galego a través dos seus personaxes favoritos.
O entroido é unha das festas máis tradicionais da nosa comunidade, con múltiples variantes segundo o lugar. E é tamén unha das preferidas polos máis novos, de aí que sexa unha boa oportunidade para traballar múltiples contidos a partir desta temática.
Para axudar a profesores, pais e educadores en xeral a explicar as orixes, costumes e tradicións do carnaval galego, Os Bolechas elaboraron unha sinxela unidade didáctica destinada fundamentalmente ao alumnado de infantil e primaria, que lles permitirá traballar na clase a temática do entroido tanto desde o punto de vista teórico como a través de exercicios e xogos que teñen como referentes a uns personaxes ben coñecidos e queridos polos cativos: Os Bolechas.
Trátase de que os máis pequenos coñezan e participen desta festa dunha forma activa e alegre, ao tempo que se fai un primeiro achegamento a conceptos moito máis complexos como a tolerancia, a igualdade de sexos etc. Ademais, a realización dos exercicios potenciará o traballo grafomotriz, a expresión plástica e outras capacidades das nenas e nenos.
Os contidos da unidade didáctica contaron coa colaboración para a súa elaboración de pedagogos e educadores infantís, de xeito que se adecúen ás idades propostas na mesma. Todo o material está dispoñible nesta web dos Bolechas para descargar polo profesorado galego ou mesmo por pais ou persoas interesadas en achegarse ao entroido galego dun xeito fácil pero moi completo e didáctico.