Preséntase a nova aventura dos Bolechas

Máis de medio cento de nenos asistiron á presentación d´O reloxo de Carlos, o último título dos Bolechas que o seu autor presentou este martes, 27 de novembro, na Libraría Couceiro de Santiago. 




Os Bolechas veñen de publicar un novo título que fará as delicias dos máis pequenos. Tras doce anos de existencia e o seu exitoso salto á televisión, a familia Bolechas e o seu inseparable cadelo Chispa, volven vivir unha nova e divertida aventura sobre o papel.

A presentación do novo título tivo lugar esta mañá na Libraría Couceiro de Santiago e contou coa presenza de máis de 50 escolares, que non dubidaron en aproveitar a quenda de preguntas para despexar todas as súas dúbidas sobre o proceso creativo dos Bolechas e sobre o propio creador, Pepe Carreiro, quen adiantou algúns aspectos do novo libro.

A historia xira arredor dun reloxo que lle regalan a Carlos no supermercado. Pero non é un reloxo calquera; este é somerxíbel! Tanto, que mesmo se pode meter na xerra da laranxada. O problema é que Tatá tamén quere un, aínda que é un bebé e os bebés non levan reloxo. Pero el cólleo e vai probar no váter se é verdadeiramente somerxíbel. A partir de aquí a trama complícase e os seis irmáns terán que usar todo o seu enxeño.

Con este título Os Bolechas volven presentar unha situación da vida cotiá pero fanno nun novo formato, un libro de maior tamaño e tapas duras moito máis vistoso para os pequenos, os auténticos seguidores dos Bolechas.

O primeiro reloxo

Ademais, co libro regálase un atractivo reloxo, de xeito que os nenos e nenas se vaian familiarizando con el e aprendan as horas. E para completar o paquete, engádese un Xogo das horas co que, ademais de divertirse xogando, os nenos poderán demostrar a súa destreza manual recortando e montando as fichas e o dado.

 

Deste xeito ofrécese un produto moi completo, no que se conxuga o valor educativo coa diversión que sempre tentan ofrecer as historias dos Bolechas.

 

Pictogramas

Outra das novidades deste libro é a inclusión de pictogramas, imaxes que substitúen palabras ou ideas e permiten ler o conto estimulando a atención e a imaxinación dos nenos. É un recurso educativo infantil moi recomendable e divertido xa que resume a información que se recibe, mellora a atención e a motivación, apoia certas destrezas de expresión oral e escrita e axuda á comprensión lectora e a construír conceptos.

Neste caso trátase de pictogramas de fácil lectura, “que aparecen ao final de cada páxina transmitindo a idea que nela se conta a través dunha composición moi simple de imaxes”, explicou Pepe Carreiro. Cada unha delas vai nun recadro de cor amarelo, verde ou azul, segundo a función gramatical do texto que se transmite. Así, o amarelo úsase para os nomes, o verde para os verbos e o azul para adxectivos e adverbios.

Este recurso está especialmente indicado “para nenos con dificultades de comprensión ou de acceso á lectura e tamén para nenos que aínda non saben ler”, de aí a motivación para incluílo nos libros dos Bolechas, explicou o autor. Deste xeito preténdse que as historias cheguen eficazmente “ao maior número de nenos e nenas posible”.

A familia creada no ano 2000 por Pepe Carreiro continúa adaptándose aos novos tempos. Un camiño que iniciou co salto ao mundo dixital, coa creación dunha páxina web e dun exitoso Club de Socios, o salto este mesmo ano á televisión e a presenza en varias redes sociais, onde contan con centos de seguidores. E aseguran que aínda agardan moitas sorpresas. 









Arquivos