Este venres empeza a xira das 'Xornadas en igualdade' que nos levará por varias vilas galegas

Laxe, Chantada, Taboadela, Val do Dubra, Rodeiro e A Rúa recibirán nas próximas semanas a visita dos Bolechas corpóreos e dos monicreques, cunha nova proposta para promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero.


07 de outubro de 2020



Este venres, 9 de outubro, arranca no concello de Laxe a nova proposta dos Bolechas denominada “Xornadas en igualdade'. Trátase dunha ambiciosa xira que levará a mensaxe da igualdade e a prevención da violencia de xénero a seis municipios galegos.

A actividade desenvólvese en dous días consecutivos: o primeiro son os Bolechas corpóreos os que se achegan ata cada localidade para saudar a cativada e o segundo son os monicreques os que, a través dunha función, achegarán a mensaxe da importancia que ten facermos un mundo máis xusto e igualitario, no que nenas e nenos teñan as mesmas oportunidades e dereitos.

Para iso, porán en escena unha obra creada especificamente para transmitir esta mensaxe, Os Bolechas e o cavernícola, na que o público terá moito que dicir, como é habitual nas funcións dos Bolechas, xa que deberá axudar os monicreques a desbotar os comportamentos “cavernícolas” dun personaxe moi peculiar e ensinarlle a importancia de respectar a todas as persoas independentemente do xénero, raza, crenza etc.

Ademais dos rueiros e a función, os Bolechas deixarán en cada vila material didáctico para traballar dun xeito moi divertido o tema da igualdade desde as primeiras idades. Esta nova proposta didáctica dos Bolechas é unha das máis ambiciosas e completas, ao reunir nunha mesma acción múltiples iniciativas. O obxectivo é seguir afondando nunha mensaxe crucial na sociedade na que a popular familia está profundamente implicada. Hai xa varios anos que os Bolechas traballan o tema da igualdade tanto no ámbito escolar como familiar e tamén nas propostas de ocio, co obxectivo de que a cativada interiorice desde idades temperás que, malia as diferencias, nenas e nenos, mulleres e homes teñen os mesmos dereitos e deben ter as mesmas oportunidades.

Calendario da xira 

A xira Xornadas en igualdade empeza este venres, 9 de outubro no concello de Laxe co pasacalles dos Bolechas corpóreos, que sairán ás 19:00 horas da Casa consistorial e irán ata a praza de Ramón Juega. O sábado 10 de outubro o salón de actos municipal acollerá a función Os Bolechas e o cavernícola ás 19.00 horas.

O sábado 10 de outubro en Chantada. Ás 16:30 h sairán da praza do Cantón. E o domingo os monicreques estarán ás 19:00 h no Auditorio municipal.

O venres, 6 de novembro ás 17:00 h os Bolechas corpóreos sairán do Campo da Feira de Val do Dubra e baixarán pola rúa Corredoira ata a casa do concello. Ás 18.15 h dará comezo no Auditorio municipal acollerá Os Bolechas e o cavernícola.

O sábado 7 de novembro, os Bolechas percorrerán A Rúa, a partir das 16:30 h. Sairán de Doctor Vila e pasarán polas rúas Circunvalación, Campo grande e Progreso ata chegar á praza do Concello. E xa o domingo 8 de novembro Os Bolechas e o cavernícola pecharán o telón ás 17:30 h no Centro Cultural Avenida.

En Taboadela os actos previstos para outubro adiáronse, por mor das restricións, ao sábado 21 de novembro. As 17:00 h o pasacalles dos Bolechas fará un percorrido pola estrada principal ata o pavillón municipal, onde ás 18:00 h, terá lugar o espectáculo de monicreques.









Arquivos