Os Bolechas preséntanse en Portugal este sábado

Os Bolechas participarán este sábado no programa Aquí Portugal que emitirán simultaneamente a Televisión de Galicia e a RTP (Radio Televisão Portuguesa).  


31 de decembro de 2014



Os seis irmáns Bolechas, xunto co seu can Chispa e o seu creador, Pepe Carreiro, estarán este sábado 3 de xaneiro en Vigo para participar no programa de televisión Aquí Portugal que emitirán simultaneamente a RTP (Radio Televisão Portuguesa) e a Televisión de Galicia. 

Trátase da segunda edición deste formato que busca estreitar as relacións entre Galicia e Portugal a través do medio televisivo. A primeira experiencia tivo lugar desde Ourense en setembro e foi emitida en directo polas primeiras canles terrestres de ambos os dous países así como pola RTP Internacional –que leva o sinal ás comunidades lusófonas de todo o mundo–, así como polas canles TVG Europa e TVG América.

Nesta segunda experiencia o espectáculo será emitido fronte ao centro comercial A Laxe, instalado nun peirao do porto vigués e alí estarán Os Bolechas presentando a súa serie de televisión ás familias portuguesas, xa que a partir do día de Reis todo o país veciño –e tamén os países lusófonos afircanos– poderán ver diariamente os populares personaxes infantís a través da RTP e da RTP África.

Web propia dos Bochechas

A serie emitirase no país veciño co nome de Os Bochechas, como son alí coñecidos estes personaxes. Xunto coa serie de televisión presentarase tamén a nova páxina web en portugués, osbochechas.pt, para que as nenas e nenos do país poidan gozar das actividades e xogos que xa teñen os galegos e facerse socios do Club dos Bolechas que lles permitirá acceder a contido exclusivo.

A nova páxina web inclúe material pedagóxico destinado a educadores e pais para que poidan traballar diversos contidos. Ademais terán información sobre todo o relacionado co Universo Bolechas, desde novos títulos ata discos, produtos, espectáculos etc. Ademais da web, Os Bochechas terán as súas redes sociais propias en Facebook e Twitter









Arquivos