Sensibilización lingüística e ambiental na nova proposta para FalaRedes

Esta fin de semana deu comezo a nova proposta dos Bolechas para o programa de dinamización da lingua que leva a cabo a Secretaría Xeral de Política Lingüística.Na estrea da xira, en Monforte, estiveron os conselleiros de Cultura e Medio Rural. Ata finais de xullos os Bolechas percorrerán 21 concellos.


18 de xuño de 2018



O amigo monte é a nova proposta para o programa de promoción do galego FalaRedes, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística leva adiante en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A xira estreouse o sábado en Monforte de Lemos, onde estiveron os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e Ángeles Vázquez, de Medio Rural.

Román Rodríguez destacou o feito de que esta nova actividade dos Bolechas reúna dous compromisos, coa lingua propia e co medio ambiente “que é moi importante que adquiran, xa desde idades novas, os máis pequenos”. Ademais explicou que en ambos os dous casos “falamos dun patrimonio vivo que debemos apreciar e transmitir á seguinte xeración”. Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural celebrou que existan iniciativas coma esta para educar no coidado dos nosos montes en idades temperás, “porque unha boa concienciación é básica para que nun futuro a sociedade entenda as súas responsabilidades neste eido”. Ángeles Vázquez felicitou aos autores dos contos e dos espectáculos, que “entreteñen á vez que educan en temas tan importantes para Galicia como o sector forestal ou gandeiro, entre outros”.

Xira por 21 concellos da RDL e web con premios 

Os Bolechas e o amigo Monte visitarán ata o domingo 29 de xullo un total de 21 localidades galegas. Un ano máis, a proposta dos Bolechas para o FalaRedes promove a participación das nenas e nenos na lingua propia de Galicia cunha nova e divertida aventura que serve, ademais para mostrarlles a importancia de coidarmos o monte, iniciándoos na prevención dos incendios forestais. Para iso, Os Bolechas solicitarán a intervención do público en probas de habilidade axeitadas para rapaces de 3 a 9 anos e establecerán un diálogo con eles acerca do monte, da súa fauna e da súa flora.

Para que a actividade de dinamización lingüística teña continuidade máis alá do día do espectáculo, os asistentes a el obterán unha palabra clave que lles permitirá acceder ao web onde atoparán diversos contidos (xogos, diplomas, unidades didácticas...) e poderán participar en sorteos de lotes de libros. Ademais na web está toda a información e calendario de funcións, que tamén poden atopar no Portal da Lingua Galega.









Arquivos